Escoitar

A Corporación valida a modificación urbanística para iniciar a rehabilitación da Panificadora

Todos os e as edís apoiaron este luns a proposta do goberno de Vigo e o cambio do ámbito no Plan do Casco Vello foi aprobado definitivamente. Este emblema da arquitectura industrial viguesa será recuperado para o público polo Concello e a Zona Franca, “unha das grandes decisións deste mandato”, en palabras do alcalde.

luns, 21 dec 2020
O Pleno, que celebrouse de forma presencial e telemática, aprobou por unanimidade a iniciativa
O Pleno, que celebrouse de forma presencial e telemática, aprobou por unanimidade a iniciativa

Novo paso para a rehabilitación da Panificadora. O Pleno da Corporación Municipal de Vigo, reunido este luns en sesión extraordinaria, acordou por unanimidade a modificación puntual do Plan Especial de Reforma do Casco Vello, que queda aprobada definitivamente e dá cabida ao proxecto arquitectónico de recuperación da factoría gañador dun concurso de ideas promovido polo Concello.

Segundo explicou Abel Caballero en declaracións posteriores á sesión plenaria, o cambio urbanístico permite iniciar o proceso de expropiacións para facerse co solo e comezar a transformación do espazo. Para o alcalde, a tomada este luns no Pleno é “unha das grandes decisións deste mandato”, que preserva a Panificadora e terá uso dotacional e aberto ao público.

Tanto o alcalde como a concelleira de Urbanismo no debate plenario recordaron os distintos convenios asinados para o ámbito da Panificadora, propostas que en todos os casos contemplaban un aproveitamento lucrativo. Así, no 1985 asinouse un acordo urbanístico que permitía construír dúas torres de quince plantas, unha para un hotel con 165 habitacións e outra para 72 vivendas e baixos comerciais. No 2003, cun alcalde do BNG, rubricouse outro documento que concedía case que 22.000 metros cadrados de edificabilidade residencial, contemplaba tres torres de oito alturas, e só obrigaba a conservar os silos. No 2006, un ano antes da chegada á Alcaldía de Abel Caballero e baixo o mandato do PP, Vigo validou definitivamente o Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Casco Vello, que incorporou ese convenio sen modificación algunha.

Debate

Todos os concelleiros e concelleiras da Corporación municipal de Vigo votaron a favor desta modificación puntual no ámbito da Panificadora. A edil de Urbanismo, María José Caride, puxo en valor que o cambio posibilita a súa conversión nun lugar “para todos, con praza pública que comunicará a Praza do Rei, a Panificadora e o Paseo de Alfonso”, o que suporá unha “mellora substancial no entorno urbano”. A concelleira trasladou que Vigo gañará un “espazo público, verde e de calidade para todos”.

A proposta do goberno de Vigo recibiu o respaldo do resto de corporativos. Xabier Pérez Igrexas valorou esta “decisión importante” que “salda unha débeda da cidade consigo mesma”, mentres que Rubén Pérez Correa cualificou de “boa” unha iniciativa “inédita” de conservación do patrimonio industrial vigués. Alfonso Marnotes explicou que a actuación é “necesaria, boa, útil e resolve un problema histórico”. Ademais, todos eles demandaron detallar os usos que acollerá a Panificadora, ao que María José Caride -que agradeceu o apoio de todos os edís- respondeu que o instrumento de planeamento ten que ser o máis aberto posible precisamente para poder dar cabida a eventuais cambios.

Descargar todas as imaxes