O goberno local financia con 33.000 euros a restauración da carroza do Cristo da Vitoria
O alcalde destaca a importancia desta peza do patrimonio histórico-artístico da cidade que se deseñou a mediados do século pasado e que se atopa deteriorada e que se recuperará ao abeiro do convenio asinado coa Diocese Tui Vigo.
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar unha concesión directa de subvención de 32.760 euros á Diocese Tui Vigo mediante a firma dun convenio específico para o financiamento da restauración da carroza do Santísimo Cristo da Vitoria, a peza sobre a que circula a figura durante a procesión que se celebra cada primeiro domingo de agosto.
O rexedor explicou en rolda de prensa que este carro forma parte do patrimonio histórico artístico da cidade; foi realizado a mediados do século pasado e doado por unha empresa viguesa e, nestes momentos, está deteriorado mesmo con problemas nos freos que poden poñer en risco a seguridade.
Para Caballero o Cristo da Vitoria é en Vigo un “acontecemento de enorme dimensión relixiosa e cunha inmensa dimensión social”, con moita tradición e unha longa historia, “é unha efemérides da cidade”, que cada vigués e viguesa celebra desde a súa propia convicción pero no que concorre o interese cidadá.