O alcalde anima a sumarse ao Evento 20’20 de “Vigo contra o cancro”
Abel Caballero participou este mércores na presentación da oitava edición dunha carreira popular que, pola pandemia, non se puido celebrar e a asociación reconverte para continuar apoiando á investigación contra o cancro. A cidadanía pode cooperar doando na web e cunha xornada, o 20 de decembro, na que practicar deporte e compartir unha foto coa etiqueta #YoSoyVigoContraElCáncer
A asociación “Vigo contra o cancro” reformula a súa edición de 2020 para seguir colaborando na investigación contra a enfermidade. O alcalde, Abel Caballero, presentou o Evento 20’20 xunto a Guada Guerra, en representación da entidade, e a doutora Mónica Martínez, que lidera o proxecto Octopus, destinatario do apoio económico que recade a cita.
Segundo explicou Guerra, o Covid fixo inviable a habitual celebración en outubro da carreira popular, que en anos anteriores reunía a unhas 8.000 persoas e, co obxecto de seguir cooperando na loita contra o cancro, a asociación reformulou a cita e lanza o Evento 20’20. O 20 de decembro, a entidade e o Concello animan á cidadanía a realizar calquera actividade deportiva, sen cumprir límite de quilómetros nin de tempo, fotografarse e compartir unha imaxe nas redes sociais coa etiqueta #YoSoyVigoContraElCáncer.
Se procura fomentar a práctica deportiva, sen necesidade de inscrición, ao tempo que se invita á colaboración coa asociación facendo unha doazón económica (desde dous euros, na web vigocontraelcancer.com) que, coma sempre, se destinará a investigación. Como no 2019, o proxecto Octopus volverá a ser o beneficiario do 90% da recadación, quedando o 10% restante para actividades cos nenos e nenas de oncoloxía do Álvaro Cunqueiro.
Mónica Martínez explicou que o proxecto que lidera busca determinar o mellor tratamento posible para cada paciente diagnosticado de cancro de pulmón avanzado, en base ás súas características xenéticas -medicina personalizada- e empregando unha mostra de sangue -biopsia líquida-. O estudo permitirá seguir en tempo real a resposta ao tratamento para intentar predicir que persoas poden desenvolver resistencia en función das súas mutacións detectadas mediante secuenciación masiva. Un equipo multidisciplinar leva adiante o proxecto en tres institucións: o de Mónica Martínez no Cimus da USC, o dirixido por David Posada no Cinbio da Uvigo e o grupo de investigación en Oncoloxía Traslacional do Hospital Álvaro Cunqueiro.
"Vigo contra o cancro" naceu en 2013 e desde entón doou máis de 150.000 euros a proxectos de investigación con implicación local, en Vigo e en Galicia. O obxectivo da asociación é a concienciación social coa enfermidade, o investimento en investigación e a aposta por unha vida saudable promovendo a práctica deportiva.