Escoitar

Urbanismo recibe o informe favorable de Medio Ambiente para o ámbito de Cruceiro

O alcalde avanzou este xoves que o ámbito urbanístico de Cruceiro xa ten o visto e prace ambiental despois de que a Xunta emitise resolución favorable que exime da avaliación estratéxica. Ademais, informou de que Urbanismo aprobou de forma provisional a reordenación de Barrio do Cura.

xoves, 8 out 2020
O alcalde, en rolda de prensa.
O alcalde, en rolda de prensa.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou este xoves que o Concello recibiu a resolución favorable por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sobre o ámbito de Cruceiro no que informa de que non é necesario unha avaliación ambiental estratéxica ordinaria.

Segundo explicou o rexedor, a Xunta xa someteu a documentación do borrador da Ordenación Provisional a período de consultas e remite agora informe favorable no que sinala as condicións mínimas que se deben cumprir.

A Xerencia de Urbanismo dará conta da resolución no seu consello da vindeira semana e dará traslado aos promotores do ámbito. Con esa proposta ambiental incorporada, o Concello xa está en condicións de facer a aprobación inicial do documento para sometelo a alegacións e a súa aprobación definitiva.

O ámbito de Cruceiro vai desde a rotonda da Avenida de Europa coa VG20 ata o cruce regulado con semáforo con Camiño Freixeiro e rúa San Paio. A propiedade cederá ao Concello o mesmo ancho do bulevar de Coia, 30 metros, e o Concello habilitará solo para materializar 40.887 m² de uso terciario, categoría gran superficie comercial.

Barrio do Cura

Ademais, o alcalde informou de que este xoves a Xerencia de Urbanismo aprobou de forma provisional a reordenación do Barrio do Cura, unha vez realizada a tramitación administrativa previa, que continuará coa aprobación posterior no Pleno Municipal, o envío á Xunta de Galicia do expediente completo para a emisión de informe vinculante e preceptivo e, finalmente, a aprobación definitiva.

A aprobación provisional supón a resolución das 14 alegacións presentadas á reordenación do ámbito, toda vez que se acometeu o derribo de forma correcta co mantemento da fachada do antigo asilo.

Abel Caballero destacou que “trátase de moi boas novas” e cualificou tanto a aprobación do Barrio do Cura como a de Cruceiro como pasos “históricos para a cidade”.

Descargar todas as imaxes