Escoitar

O rexedor alerta de que a Xunta suspende as axudas no fogar para 127 persoas maiores en Vigo

Ante a situación excepcional de crise sanitaria, as persoas que o necesitaban eran dadas de alta sen a valoración de dependencia para que puidesen ser atendidas polo Servizo de Axuda non Fogar do Concello con auxiliares que acoden ás súas casas para servizos básicos como aseo, hixiene ou comida. A Xunta comunicou que cancela as axudas a partir do 30 de novembro.

mércores, 7 out 2020

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este mércores en rolda de prensa de que a Xunta de Galicia decidiu cancelar, a partir do 30 de novembro, as axudas a 127 persoas maiores e vulnerables que foron dadas de alta no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) durante a pandemia do Covid-19.

“O plan da Xunta é moi negativo sempre en contra da cidade, cun enfoque antisocial, agora toman unha medida intolerable que deciden unilateralmente”, sinalou o rexedor. Caballero explicou que o Concello de Vigo deu de alta no SAF a un total de 127 persoas desde abril ao atoparse en situación moi vulnerable, posto que son mulleres maiores que viven soas e durante a crise non podían ser atendidas nin acudir a centros de día ou residencias.

“O perfil é unha muller maior de 80 anos con grandes dificultades de mobilidade, con temor ao covid e sola en casa, a súa calidade de vida mellorou substancialmente e atender a esta xente é propia de cidades decentes”, apuntou.

Ante a situación excepcional de crise sanitaria, as persoas que o necesitaban eran dadas de alta sen a valoración de dependencia para que puidesen ser atendidas polo Servizo de Axuda non Fogar do Concello con auxiliares que acoden ás súas casas para servizos básicos como aseo, hixiene ou comida.

O problema agora é que ao dalos de baixa no servizo de axuda quedan sen cobertura algunha, porque a inmensa maioría están pendentes de valorar como dependentes pola Xunta de Galicia. “Imos a atoparnos con señoras moi maiores absolutamente illadas en casas, en soidade, sen poder valerse por se mesmas en medio da crise sanitaria, é unha absoluta falla de sensibilidade”, dixo.

O alcalde contrapuxo esta situación á labor do Concello coas axudas de emerxencia, xa que esta mesma semana foron aprobadas outras 58 achegas por valor de case 8.000 euros. “Temos tamén como coidadores de barrio para atender ás persoas, mentres eles deixan abandonada á xente; damos axudas de emerxencia e non recibimos nin un céntimo de atención social que o Goberno deu a Xunta”, engadiu.