A Corporación insta á Xunta a ampliar espazos nos centros educativos e avoga por un curso escolar seguro
O Pleno aprobou esta mañá a moción socialista que reclama ao goberno autonómico que acometa nos colexios as reformas precisas para ampliar espazos que garantan a distancia interpersoal, o desdobramento de aula e a seguridade e tamén deu luz verde á moción do grupo mixto que demanda un curso escolar seguro.
O voceiro do grupo socialista, Carlos López Font, defendeu o texto no que se pide á Xunta de Galicia que asuma as súas competencias exclusivas en materia educativa e acometa, na medida do posible, as reformas necesarias para dotar aos centros de espazos que ofrezan a máxima seguridade ao alumnado, tendo en conta que as instalacións “arrastran un enorme deterioro” e son “moitos os centros que están a denunciar problemas para poder cumprir coa distancia de seguridade de 1,5 metros” e para atopar espazos para manter a distancia interpersoal nos recreos.
Tal e como recolle o texto, ante a ausencia de medidas por parte da Xunta, o alcalde ofreceu nas últimas semanas “algúns espazos municipais para que os centros escolares poidan garantir o distanciamento entre os grupos estables nos recreos” e lamenta que, a día de hoxe, non se saiba en que empregou a Xunta de Galicia os fondos para educación recibidos do goberno de España. A moción socialista foi apoiada por tódolos partidos, salvo o PP que se abstivo.
Co apoio dos socialistas e do concelleiro non adscrito e a abstención do PP, saíu adiante no Pleno Municipal deste mércores a moción do grupo municipal mixto que insta ao concelleiro de Educación a manter comunicación constante coas direccións das ANPAS de tódolos centros de ensino de Vigo e a estar ao seu dispor no referente a desinfección, instalacións e calquera cuestión para o desenvolvemento seguro do curso escolar 2020-2021.
O texto, defendido pola edil Oriana Méndez, insta ao goberno local á reactivación do Consello Escolar Municipal paralizado por mor do coronavirus e insta tamén á Consellería de Educación a despregar tódalas medidas necesarias requiridas pola comunidade educativa e as autoridades sanitarias para un comezo e desenvolvemento do curso seguro, garantindo o dereito a unha educación pública e de calidade para todo o alumnado e a tranquilidade das súas familias. Amais, o documento insta á Corporación a aprobar un compromiso para que o Concello amose o seu apoio á educación pública e poña a disposición os recursos técnicos e de seguridade necesarios para celebrar os actos reivindicativos promovidos pola comunidade educativa de Vigo.