Vigo esixe devolver as comisións abusivas e garantir o acceso gratuíto aos servizos bancarios
A moción foi debatida na sesión plenaria do Concello deste mércores e aprobada por unanimidade. A Corporación demanda de Abanca a devolución das comisións de mantemento e xestión aplicadas desde xuño e que desista de volver cargalas, ao tempo que require regular un acceso universal e gratuíto a unha conta bancaria.
O texto, presentado polo concelleiro non adscrito, Xabier Pérez Igrexas, explica que Abanca decidiu aplicar de formar xeneralizada unha comisión semestral de 50 euros por xestión e mantemento da conta, unha entidade que se fixo coa antiga rede de caixas de aforro galegas e presentou un beneficio de 405 millóns no ano pasado, o que motivou que máis de 120.000 persoas esixiran a retirada das comisións a través dunha recollida de sinaturas.
O acordo votado por todos os concelleiros e concelleiras pide ao Concello que esixa a Abanca a devolución destas comisións e que desista de volver aplicalas. De non ser o caso, a moción solicita á administración local revisar os contratos coa entidade. En segundo lugar, se insta ao Goberno de España a tramitar a prohibición destes pagos para garantir o acceso universal e gratuíto a unha conta bancaria, e a regular a obriga dos bancos da aplicación automática de “contas de pago básicas sen comisións a todas aquelas persoas que, por recibir subsidios ou axudas públicas, como é o Ingreso Mínimo Vital ou rendas de inserción, xa teñen acreditada a súa situación de vulnerabilidade”.
Dous puntos máis do escrito aprobado piden a reforma da regra de gasto e solicitar ao Banco Central Europeo que declare exenta de tipos negativos a parte dos depósitos das entidades financeiras correspondente aos depósitos bancarios titularidade de administracións públicas. Por último, a moción insta á Xunta de Galicia a promover a creación dunha banca pública galega.