As oito escolas infantís municipais de Vigo abren este xoves cun operativo de tráfico e accesos escalonados
Todas as escolas infantís municipais de Vigo terán apoio da Policía Local e Protección Civil para os accesos do alumnado no día de apertura do vindeiro xoves. O alcalde explicou que haberá especial atención ás instalacións que presenten problemas de tráfico.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou en rolda de prensa de que o Concello de Vigo puxo en marcha un operativo de seguridade para o inicio do curso nas oito escolas infantís (Casiano Martínez, Tomás Alonso, Costeira-Saiáns, Santa Cristina, Navia, Mestres Goldar, Atalaia e Santa Marta).
“Iniciamos o curso este xoves, día 3, e a entrada será de forma escalada”, sinalou o rexedor antes de explicar que xa se ampliaron os horarios de entrada (de 07:30 ás 09:30h) e nalgún caso establécense franxas horarias para unha chegada gradual.
O alcalde apuntou que se levarán acabo “plans á carta” adaptados ás necesidades de cada escola en cada momento e para iso o Concello xa está en contacto cos centros para coñecer o número de alumnos que accederán segundo o horario previsto de entrada.
En todos os accesos ás escolas infantís municipais haberá apoio de Policía Local e Protección Civil, con especial atención ás que presenten problemas de tráfico e sempre coordinado coa dirección. Ademais, poderá haber cortes de tráfico momentáneos que axuden a axilizar a entrada do alumnado aos centros.
O Concello, de cara ao inicio do curso nos colexios públicos e concertados, tamén ten previsto activar o mesmo operativo pero dando prioridade a aqueles centros con maior problemática.
Desinfección
Ademais, o alcalde informou de que o Concello xa iniciou o procedemento para ampliar o contrato de limpeza nos colexios públicos e en las escolas municipais para facer fronte ás obrigacións de desinfección. Para 2020, reforzamos o servizo con ata 25.096 horas máis de limpeza e desinfección, por importe máximo de 490.135 euros.