Escoitar

O Concello compra un solar no Casco Vello para o novo Centro de Formación de Persoas en risco de exclusión social

A Xerencia Municipal de Urbanismo aprobará este martes a compra do solar situado no número 6 da Praza de Pescadores para construír, xunto co inmoble da rúa Alta 23, o novo Centro de Formación para Persoas en risco de exclusión social. O alcalde explicou que o proxecto prevé estar finalizado a finais de 2021.

luns, 31 ago 2020
O alcalde, en rolda de prensa.
O alcalde, en rolda de prensa.

O Concello de Vigo aprobará este martes, durante o Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo, o procedemento de adquisición directa da parcela do número 6 de Praza de Pescadores e indemnización ao ocupante do inmoble con actividade de hostalería. O edificio é lindeiro co de rúa Alta no que está en marcha o proxecto para construír o novo Centro de Formación para Persoas en Risco de Exclusión Social.

Segundo explicou o alcalde en rolda de prensa, a superficie da parcela é de 62 m2 e a compra permitirá ampliar a Praza de Pescadores para dar acceso á nova instalación municipal. Abel Caballero apuntou que está previsto a rehabilitación do edificio da rúa Alta 23 (cunha superficie de 329m2) e la demolición da edificación de Pescadores 6.

Co novo centro de formación o Concello de Vigo pretende poñer en marcha procesos de inclusión social para dar formación a persoas en situación de risco e con necesidade de emprego. “Abordamos así un proxecto global que comprende tanto a rehabilitación da zona histórica como como a posta en marcha dun programa de actuación ambicioso no ámbito social”, sinalou Caballero.

O centro de formación, financiado con fondos FEDER da UE dentro do programa EDUSI, disporá de salas destinadas a impartir cursos de carácter multidisciplinar, realización de itinerarios de inserción laboral destinado fundamentalmente a colectivos e persoas en risco de exclusión.

Derruba en Camiño Romeu

Ademais, o alcalde informou de que a Xerencia de Urbanismo tamén aprobará a contratación da obra para a derruba da edificación sita no Camiño Romeu 32, na zona de Muiños (Coruxo) por un importe de 6.698 euros. Trátase dunha estrutura con semisoto, planta baixa, dúas plantas e baixo cuberta declarada polo Consello da Xerencia Municipal como incompatible co ordenamento urbanístico.

Segundo explicou Abel Caballero, en setembro de 2019 o Xulgado del Contencioso-Administrativo núm. 1 de Vigo desestimou integramente a demanda dos propietarios e o Concello executará agora a obra de forma subsidiaria e cobrará posteriormente os gastos ao donos.

Descargar todas as imaxes