O Concello inicia as expropiacións para o carril bici da Avenida de Europa
Abel Caballero informou este venres da incoación do procedemento para obter os 10.500 m2 necesarios para prolongar o carril bici desde a Avenida de Castelao ata Samil. Ademais, a futura área comercial da Avenida de Europa comeza a avaliación ambiental.
A Xerencia de Urbanismo do próximo martes tomará coñecemento da incoación do procedemento administrativo para a obtención pola vía da expropiación dos bens e dereitos afectados pola execución do proxecto de carril bici na marxe dereita da Avenida de Europa.
Avanzouno o alcalde este venres en rolda de prensa, na que detallou que a obra presenta un orzamento de 4,3 millóns dos que 835.000 euros serán para afrontar as expropiacións, un proceso que levará entre seis meses e un ano. Son 87 parcelas afectadas con case que 10.500 metros cadrados de superficie total.
Unha vez os terreos estean en mans municipais, o Concello contempla un prazo de 22 meses para realizar unha obra que suporá prolongar o actual carril bici ao longo da Avenida de Europa ata Samil. Xunto á vía para os ciclistas, a reforma contempla o soterramento do tendido eléctrico, alumeado, redes de telefonía, canalización semafórica e rede de rego e a renovación de sumidoiros e pozos de rexistro.
Cruceiro
Abel Caballero adiantou tamén que a Xerencia de Urbanismo do próximo martes tomará coñecemento da solicitude de inicio da avaliación ambiental estratéxica simplificada da Ordenación Provisional para o ámbito de Cruceiro. Unha vez superado o período de consultas, a proposta ambiental será incorporada ao documento para proceder á súa aprobación inicial.
Cruceiro está emprazado tamén na marxe dereita da Avenida de Europa en dirección a Samil, desde a rotonda coa VG-20 e o cruce semaforizado con Camiño Freixeiro e rúa San Paio. O espazo supera os 40.000 metros cadrados de superficie comercial e a promotora cederá ao Concello de Vigo o ancho de solo equivalente ao bulevar de Coia, uns 30 metros, segundo explicou Abel Caballero.
Ascensores
A Xerencia da próxima semana inclúe a aprobación inicial da ordenanza municipal para a instalación de ascensores en edificios xa construídos de uso residencial colectivo. Unha vez ratificada polo Pleno, abrirase un prazo de 30 días hábiles de exposición pública, previos á aprobación definitiva.
O alcalde valorou a “importancia” dunha norma que dará cobertura legal á construción de elevadores en fachadas de inmobles que carecen destes, ocupando incluso espazo público. O texto procura resolver os problemas de accesibilidade existentes nestas construcións, na súa maioría construídas sen ascensor nos anos sesenta ou setenta do pasado século.