O Concello conxela impostos no 2021 e bonifica pagos urbanísticos, o ICIO e a ocupación de vía pública
Anunciouno este xoves o alcalde, unha “subida cero” euros nas taxas e impostos municipais do ano próximo que engade exencións de pagos na ocupación de vía pública e nas licenzas de obras, primeira ocupación e actividade, e rebaixas do 20% no ICIO das obras en locais comerciais e vivendas.
A Xunta de Goberno Local deste xoves aprobou as ordenanzas fiscais co “principio básico” da conxelación das taxas e impostos para o próximo ano, en palabras de Abel Caballero, unha “subida cero” que se complementará ademais cunha redución dalgúns pagos.
En materia urbanística, o alcalde explicou que o goberno de Vigo exime da taxa de licenza de obras ás reformas e adaptación de locais para actividades económicas en locais de ata 150 metros cadrados; tamén do pago por licenza de primeira ocupación ou primeira utilización de naves industriais, locais e oficinas; e declara exentas as licenzas de actividade para empresas que ocupen unha superficie inferior a 150 m2 e, nas que o superen, non tributan por esa superficie.
O Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras, o ICIO, se bonifica nun 20% desde a aprobación este xoves da modificación da ordenanza en Xunta de Goberno Local, nas obras en locais comerciais e vivendas con independencia do orzamento de execución. Caballero aseverou que esta rebaixa é relevante para sectores estratéxicos na cidade pero máis aínda para o pequeno e mediano comercio.
O Concello tamén exime do pago da taxa de ocupación de vía pública a todas as actividades enmarcadas nas festas tradicionais dos barrios e parroquias da cidade e tamén nas de especial interese municipal, caso do Marisquiño, a Reconquista, o Entroido ou o Nadal.
Confinamento
A Xunta de Goberno Local tamén deu conta da aprobación do padrón fiscal de exencións unificadas de industriais no exercicio deste ano derivadas da pandemia. O Concello, segundo recordou o alcalde, liberou dos pagos do lixo, vados comerciais e agua a todos os pequenos e medianos negocios durante os noventa días de confinamento.
Detallou Caballero que a medida adoptada polo goberno de preside beneficiou a 12.374 establecementos no tocante ao lixo comercial e a 5.152 vados. Xunto á auga, as exencións totalizan máis de 5 millóns de euros: “Este ano a presión fiscal no concello de Vigo baixou e de que forma”, valorou o alcalde.