Escoitar

O goberno de Vigo adxudicará o luns os accesos viarios á nova estación de Urzáiz

Segundo avanzou Abel Caballero, o Concello validará o luns os traballos para construír a nova saída á autoestrada en túnel desde a rúa Lepanto, as conexións da AP9 co centro Vialia e a terminal de autobuses, e o derrubo do paso elevado de Alfonso XIII. Tamén adxudicará a humanización dos espazos intersticiais. En total, obras por máis de 13 millóns de orzamento.

venres, 7 ago 2020
O alcalde explicou en rolda de prensa os novos accesos
O alcalde explicou en rolda de prensa os novos accesos

O alcalde avanzou este venres que a Xunta de Goberno Local do próximo luns, en sesión extraordinaria, prevé adxudicar os traballos de execución dos novos accesos á estación de Urzáiz, é dicir, o túnel de saída á autoestrada desde a rúa Lepanto, as conexións viarias da AP9 coa estación deseñada por Thom Mayne e a terminal de autobuses, instalacións e balizamentos, e a eliminación do paso elevado de Alfonso XIII.

Informou Caballero que o orzamento destas obras superan os 11,8 millóns de euros, dos que ADIF paga o 74,2%, o Concello de Vigo o 21,2% e a Xunta de Galicia, o 4,6%. Tamén se adxudicará o luns o plan de seguridade e saúde destas obras, cun orzamento de 120.000 euros.

O Concello tamén conta con adxudicar o próximo luns a humanización dos chamados espazos intersticiais, as zonas situadas entre a futura estación de autobuses, a do AVE e as remodelacións dos accesos á autoestrada. O orzamento supera lixeiramente os 1,2 millóns de euros para abrir “uns 4.000 metros cadrados de espazos verdes”, tal e como afirmou Abel Caballero. A obra contempla novas redes de abastecemento, pluviais, rego, saneamento e telecomunicacións, novo mobiliario urbano, arborado e xardinería e nova iluminación pública.

Abel Caballero lamentou que non sexa posible adxudicar tamén a remodelación da Praza da Estación, porque “estamos pendentes do informe de Patrimonio da Xunta”, que vai cunha “lentitude exasperante”. Os traballos que se prevén adxudicar o luns forman parte do convenio asinado o pasado sábado con ADIF e coa Xunta de Galicia, por importe total de 21,4 millóns de euros.

Convenios

Na Xunta de Goberno Local celebrada este xoves, o Concello deu luz verde a catro convenios con entidades de distinto cariz, por importe total de 42.000 euros. Segundo citou o primeiro edil, aprobouse o convenio con Anhida para colaborar con 4.000 euros nos seus gastos de mantemento e alugueiro do seu local, outro acordo coa Asociación de Persoas Xordas de Vigo para apoiar con 7.000 euros a contratación dun intérprete de lingua de signos, e un terceiro coa Federación de Peñas Recreativas El Olivo, por 15.000 euros, para cooperar con eles no desenvolvemento da súa actividade.

Por último, o goberno vigués validou o convenio coa Asociación de Mariñeiros Artesanais e Deportivos de San Miguel de Bouzas, por importe de 16.000 euros para conservar e difundir a cultura mariñeira e as cinco embarcacións tradicionais de titularidade municipal: unha traíña, un bote polbeiro, unha gamela coruxeira, un galeón e unha dorna de tope.

Descargar todas as imaxes