Caballero indica que o período acordado para a devolución dos remanentes é de 10 anos a partir de 2022
O alcalde e presidente da FEMP subliña que o acordo subscrito co Goberno cifra neste prazo a amortización do préstamo dos remanentes á Administración Xeral do Estado. A FEMP traballa coa Dirección Xeral do Tesouro para concretar este e outros extremos das condicións.
Os remanentes que os Gobernos Locais poñan ao dispor da Administración Xeral do Estado serán devoltos na súa totalidade no prazo de 10 anos a partir de 2022, tal e como queda recollido no acordo que presidente da FEMP e o Presidente do Goberno subscribiron na Moncloa. Así o subliñou Abel Caballero que, ante o período de amortización de 15 anos que aparece recollido no Real Decreto Lei, remitiuse á literalidadde do acordo, que sinala: “O importe íntegro do préstamo será amortizado no prazo de dez anos. As Entidades Locais poderán voluntariamente acollerse a un prazo maior se a Dirección Xeral do Tesouro e Política Financeira ofrecese condicións máis vantaxosas”. “Así o asinamos -dixo-. Se a Dirección Xeral do Tesouro quere facer ademais ofertas distintas, é libre de facelo, pero o prazo asinado é de dez anos. Se algún concello atopa beneficioso ter quince anos, pode elixilo, pero o prazo é de 10 anos”, insistiu.
A Federación traballa durante estes días coa Dirección Xeral do Tesouro para perfilar as condicións do préstamo -este venres, 7 de agosto, finaliza a fase de consultas da norma- entre as que quedará recollido este período de 10 anos que forma parte do acordo subscrito pola FEMP, segundo remarcou Caballero.
O alcalde de Vigo, ademais, lembrou que a cesión dos remanentes é totalmente voluntaria, e “a única alternativa para poder gastalos sen incumprir a lei de Estabilidade Orzamentaria”. “É -insistiu- o acordo máis importante que asinou nunca a FEMP cun Goberno de España e beneficioso para os Concellos. Pasamos dunha situación na que non podiamos utilizar os nosos remanentes porque a lei prohíbeo, a que o Goberno de España asígnanos 5.000 millóns de euros con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado e devólvanos, a partir de 2022 e durante dez anos, todos os remanentes para que podamos gastalos”.