Escoitar

O Concello programa catorce actuacións para este fin de semana

Con formato reducido e adaptado á pandemia, as festas de Vigo proseguen esta fin de semana con propostas culturais para todos os públicos: danza, música, teatro ou contacontos... E por toda a cidade, no casco urbano e tamén en Sárdoma, Navia, Valladares, Castrelos ou Bembrive, entre outros.

venres, 31 xul 2020

A cidade continúa celebrando unhas festas marcadas polo Covid-19 nunha fin de semana que conta case que unha quincena de actos culturais e festivos, para todos os públicos e en distintos puntos da urbe.

Este venres ás 20:30 horas, a Unión musical de Valladares ofrece o seu concerto na Porta do Sol como parte do ciclo “Vigo, un mar de bandas”. Á mesma hora, teatro musical para familias na Praza do Berbés, coa obra “Rosalía, unha vida”; e o concerto en formato acústico de Álex Ubago na terraza do Auditorio Mar de Vigo.

Para este sábado, o baile e música tradicional de Algarabía chegará á alameda de Sárdoma ás 20 horas. O resto da oferta cultural da xornada comezará media hora despois, ás 20:30 horas, coa banda Delicias de Cabral na Porta do Sol, o contacontos de Truque Matruque no centro comercial Coia 4, o grupo Semente de Arte Galega de Beade no parque de Navia e O Fiadeiro no torreiro de Valladares -ambos no marco do festival Vente con Nós- e a actuación no festival TerraCeo no Mar de Vigo de tres dos integrantes de Love of Lesbian: Santi Balmes, Julián Saldarriaga e Dani Ferrer.

O domingo repite Algarabía ás 20 horas, esta vez no parque de Castrelos, e ás 20:30 horas, outras catro opcións culturais na cidade: a banda da Escola de música de Beade na Porta do Sol, a formación Atlántida de Matamá na alameda da mesma parroquia, a actuación infantil do Pallaso Popín na alameda de Bembrive, e o concerto de Don Patricio no festival TerraCeo, no Auditorio Mar de Vigo.