O Concello programa dous ciclos musicais en Toralla e Villa Solita este verán
O alcalde apunta que se retoma a acción cultural e divulgativa nestes espazos coas limitacións precisas para garantir as condicións sanitarias. Toralla acollerá catro recitais de música clásica e en Finca Solita soará música de violonchelo, fagot, percusión ou guitarra
A Xunta de Goberno Local aprobou este venres a adxudicación do contrato dos servizos de divulgación dos xacementos arqueolóxicos do Castro, Toralla e a edificación de Villa Solita, dependentes de Patrimonio Histórico que ten un importe de 76.000 euros durante tres anos. A empresa propón 50 horas anuais de apertura dos tres espazos a maiores sen custo para o Concello.
O alcalde avanzou a programación musical que encherá Toralla e Villa Solita este verán cun ciclo de concertos como parte da actividade de divulgación e posta en valor do patrimonio histórico. Serán con aforo limitado para cumprir as medidas sanitarias e o distanciamento social que tamén impiden a celebración das recreacións históricas como se viñan facendo en anos anteriores.
O Centro de Interpretación do Mundo Romano de Toralla acollerá 4 concertos de música clásica, tódolos xoves do mes de agosto, entre as 20:30 e as 21:30 horas. A Orquestra Vigo 430 ofrecerá a súa música o 6 e 13 de agosto e a Orquesta Clásica de Vigo, o 20 e 27 de agosto. O aforo está limitado a 150 persoas e o público será recibido e guiado por actores ataviados de época ata a zona do espectáculo.
En Finca Solita haberá concertos tódolos venres de agosto e a primeira semana de setembro, entre as 20:30 e as 21:30 horas, cun aforo máximo de 50 persoas. O programa inclúe concertos de María Solita, no que a guitarrista e cantante María Villanueva ofrecerá un recital baseado no seu disco “María Solita”; o fagotista Gonzalo Lemos; o artista local Brais Calle, que ofrecerá unha proposta adaptando a obra de Bach para interpretar con percusión; a violonchelista Margarida Mariño; Marimba Shadow, percusión; e o guitarrista Miguel Fraile.
1,2 millóns de euros para instalacións deportivas
A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de contratación dos servizos de apertura, control de información, manexo de equipamento e peche de instalacións deportivas municipais por un importe de 1,2 millóns de euros nos próximos tres anos.
Na sesión celebrada este venres quedou aprobada tamén a interposición dun recurso contencioso-administrativo contra as resolucións do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que obriga ao Concello a aboar unha parte dos centros de día que a Xunta ten na cidade: Teis, Coia e Valadares dos exercicios 2018, 2019 e do primeiro semestre de 2020. Segundo expuxo o rexedor, a cantidade reclamada ascende a 824.900 euros que “Vigo paga sendo unha competencia exclusiva da Xunta de Galicia que obriga aos municipios a pagar por unha competencia que non é súa. É unha abuso da capacidade lexislativa do goberno autonómico”.
A Xunta de Goberno deu luz verde tamén á reanudación da execución do contrato de xestión das Escolas Infantís Municipais de Tomás Alonso, Bouzas, Santa Cristina-Lavadores, Costeira-Saians, Navia, Mestres Goldar-Castrelos, Santa Marta-Casco Vello e Atalaia-Teis- Comezarán así a preparar o próximo curso nos centros aínda que non se retoman os contratos das prestacións de alimentación, que teñen data de reinicio para o 1 de setembro.