Escoitar

O goberno local xa adoptou medidas de reconstrución económica por máis de medio millón de euros

O alcalde de Vigo cifrou en máis de medio millón de euros as medidas de reactivación económica que está a desenvolver o Concello. Axudas á contratación así como apoio e asesoramento a autónomos e pequenas empresas son algunhas destas accións, que se suman aos apoios de Zona Franca e aos da Deputación de Pontevedra.

xoves, 21 mai 2020

O Concello segue adoptando medidas para a reactivación da economía nesta crise sanitaria e hoxe mesmo aprobou as convocatoria de axudas municipais á contratación para incentivar a conversión de contratos temporais en indefinidos, ademais de fomentar novas contratacións. O obxectivo deste programa - dotado con 100.000 euros - é promover a estabilidade laboral sen límite de idade nas persoas contratadas xa que nesta ocasión inclúense aos maiores de 45 anos.

No que vai de crise, o Concello investiu xa máis de medio millón de euros en medidas de activación económica. Entre outras, o alcalde referiuse en rolda de prensa a un contrato de servizos para a atención de autónomos e micropemes por importe de 122.000 euros, a un servizo de asesoramento de Pemes e emprendedores, de 300.000 euros, dentro da estratexia DUSI "Vigo Vertical" e cofinanciado con fondos FEDER; así como a un programa de subvencións para o fomento do traballo colaborativo dotado con 35.000 euros.

Con este mesmo obxectivo, o alcalde vén de manter ao longo deste período reunións con representantes dos sectores da construción, do turismo, do comercio, da hostalería, do deporte e da cultura. Onte mesmo, precisou, mantivo un encontro virtual con todas as bandas da cidade, un encontro que se suma a outros coas corais ou cos directores orquestras sinfónicas, co fin de ir adaptando as festas da cidade.

Tamén falou como presidente da Zona Franca da ampliación de 5 millóns do capital de Vigo activo para apoiar e aprazar cotas das súas sociedades participadas, así como da redución e aprazamento de pago de alugueiros a entidades instaladas en inmobles e polígonos do consorcio. Outro dos eidos nos que se está a traballar é na recuperación do turismo, neste caso, en colaboración coa Deputación de Pontevedra. Neste proceso de reconstrución económica, dixo, tamén está moi implicado o Goberno Central coas axudas aos autónomos e as liñas de crédito para pequenas e medianas empresas.

Barreras

O rexedor deu conta do encontro telemático que mantivo onte co CEO de Ritz Carlton, Douglas Prothero, que está en Estados Unidos e que en quince días estará en España, momento no que manterá un encontro presencial co alcalde. O directivo transmitulle a súa satisfacción polas perspectivas de Barreras tanto co cruceiro, que xa está en marcha, como coa reactivación de todo o estaleiro. O alcalde agradeceulle a deferencia de facilitarlle información sobre a evolución dunha empresa tan importante para a cidade, confiando en que o estaleiro se reactive con toda a súa capacidade produtiva.

 

 

Descargar todas as imaxes