Escoitar

O goberno de Vigo eleva a 1,72 millóns a partida de axudas de emerxencia fronte ao Covid-19

O acordo foi adoptado pola Xunta de Goberno Local celebrada este martes, segundo explicou o alcalde de Vigo, e dota con novos fondos a unha liña inicial de 922.000 euros que xa foi esgotada na atención ás necesidades sociais causadas pola pandemia.

mércores, 20 mai 2020
O alcalde, este mércores en rolda de prensa
O alcalde, este mércores en rolda de prensa

Explicou Abel Caballero que o acordo supón a autorización de fondos adicionais para gasto social, toda vez que a contía recollida no orzamento deste ano -aprobado no 2019- xa foi adicada integramente a facer fronte á demanda social xerada pola crise do coronavirus.

A partida ascendía a 922.000 euros e a Xunta de Goberno Local, reunida onte martes, aprobou autorizar o gasto deste incremento dos recursos económicos dispoñibles, ata os 1,72 millóns de euros, informou o rexedor vigués en rolda de prensa telemática. Ademais, o expediente recolle outros 100.000 euros destinados á xestión do Covid-19 noutra aplicación orzamentaria.

Como vén sendo habitual, Abel Caballero deu conta das axudas de emerxencia concedidas no día previo. No caso deste martes, o Concello decidiu outorgar outras 31 por importe de 10.774 euros, deu aloxamento a 108 persoas sen fogar e este mércores reparte 589 menús aos domicilios de familias que o precisan.

Descargar todas as imaxes