Escoitar

Caballero garante o mantemento das inversións en materia educativa na cidade

O rexedor mantivo esta mañá unha reunión "moi satisfactoria" con responsables de centros educativos de todas as etapas para facer repaso das necesidades do ensino nesta crise sanitaria. Comprometeuse a manter o orzamento educativo e a continuar coa campaña de reparto de ordenadores para que todos os alumnos poidan seguir as clases desde a súa casa.

martes, 19 mai 2020

Vigo, 19 de maio de 2020.- O alcalde deu conta en rolda de prensa do encontro virtual que mantivo con responsables de centros educativos de infantil, primaria e secundaria da cidade. Unha vez repasada a situación do ensino nesta crise sanitaria, o rexedor explicou que o Concello continuará coa campaña de recollida de ordenadores para poñelos a punto de xeito que os centros educativos poidan distribuílos entre os 600 alumnos que non dispoñen de medios informáticos nas súas casas e, polo tanto, levan dous meses sen clases. Ata o de agora xa se repartiron case medio centenar de terminais.

Ao longo do encontro, o rexedor trasladoulles aos directores e directoras a intención do Goberno local de convocar as bolsas do programa Vigo en inglés, pendentes de que a estadía poida realizarse este ano ou se traslade ao ano que vén. Tamén lles garantiu que non haberá recortes en materia educativa de xeito que se manterán os 8 millóns para mantemento e conservación dos centros, os 300.000 euros de autoxestión, os 600.000 euros de FOANPAS e os 1,8 millóns dispostos para cubrir patios de colexio, aínda que se trata dunha competencia autonómica. Unha situación similar á das bolsas de comedor e de libros, a punto de convocarse, por un importe de 2 millóns de euros. O Concello, unha vez máis, non establece límite orzamentario a esta partida, que se incrementará sempre que sexa necesario e na situación actual, o alcalde prevé un importante crecemento na demanda o próximo ano.

Descargar todas as imaxes