O goberno local xa aprobou 2.600 becas de comedor por importe de 130.000 euros
Abel Caballero informou este luns de que o Concello de Vigo aprobou na comisión do domingo outras 431 becas de comedor e o total xa ascende ata 2.601 por importe de 130.000 euros. No caso do aloxamento de persoas sen fogar, a pasada noite foron un total de 151 as prazas ocupadas en albergues e hostais.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, explicou este luns que o Concello de Vigo xa aprobou un total de 2.601 becas de comedor despois de que este domingo dese o visto e prace a outras 431 axudas. En total, segundo os datos aportados polo rexedor, o importe das becas de comedor supera os 130.000 euros.
“A cifra de becas de comedor aprobadas xa ronda ás mesmas que damos cando os nenos van aos centros escolares”, apuntou Caballero durante a vídeo conferencia cos medios de comunicación. Ademais, este domingo tamén se aprobaron dúas axudas de emerxencia, de maneira que o total -no que se inclúe tamén as becas de comedor- xa é de 4.830 e o importe 501.000 euros.
Persoas sen fogar
No tocante á acollida de persoas sen fogar, o alcalde indicou que a noite do domingo ao luns houbo un total de 151 prazas ocupadas. Así, apuntou que o albergue municipal de Marqués de Valterra deu refuxio a 29 persoas; a Fundación Santa Cruz, a 38; en pensións hai outros 30 e o pavillón do Berbés tivo a noite pasada as súas 50 prazas ocupadas, polo que catro persoas chegadas a últimas hora foron desviadas a hostais.
Por último, este luns repartiranse 635 menús e en total desde o inicio da crise suman 18.603.