As denuncias da Policía Local superan as 850 desde o inicio do estado de alarma
Os axentes impuxeron 63 novas sancións por saltarse o confinamento onte martes, despois dunha xornada con “controis aínda máis intensos que noutras ocasións”, en verbas de Abel Caballero. Pese aos infractores, o alcalde trasladou o seu “recoñecemento e agradecemento” polo comportamento da “inmensa maioría da cidade”.
Entre as intervencións destacadas este mércores por Abel Caballero en rolda de prensa, actividade dentro dun salón de peiteado para cans ou nun bar, tres persoas nun vehículo sen xustificación ou catro mozos reunidos nun garaxe. A Policía Local de Vigo tamén revisou este martes os precintos de fontes públicas, praias, parques e zonas anexas aos areais.
“Gustaríame que as denuncias foran cero”, manifestou o alcalde, quen trasladou o seu “recoñecemento e agradecemento” polo comportamento xeral da “inmensa maioría da cidade”. O total de denuncias cursadas pola Policía Local desde o 16 de marzo ascende xa a 858, segundo informou Caballero.
Día do pobo xitano
En declaracións aos medios por videoconferencia, Abel Caballero fixo referencia a que este 8 de abril se celebra o Día do pobo xitano, data na que o alcalde acostumaba a reunirse cos responsables do Secretariado, entrevista que este ano non se celebra pola crise sanitaria do coronavirus. Precisamente o colectivo este ano decidiu adoptar o lema #YoMeQuedoEnCasa para contribuír á loita contra o Covid-19.