Escoitar

O Concello retoma a vindeira semana as obras de reforma da Gran Vía

Abel Caballero avanzou este xoves que haberá cambios de tráfico a partir do próximo luns na Avenida da Gran Vía para reiniciar os traballos de instalación das ramplas mecánicas. As labores trasládanse agora á outra beira da rúa e a circulación será compartida nos carrís descendentes.

xoves, 9 xan 2020
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este xoves que a vindeira semana porase en marcha de novo o plan de tráfico para retomar as obras da Avenida da Gran Vía. Segundo indicou o rexedor, a circulación quedará cortada nos carrís ascendentes, entre Urzaiz e Venezuela, e os vehículos compartirán os descendentes.

O alcalde explicou que o tráfico procedente da Praza de España circulará en sentido descendente en dous carrís desde a rúa Bolivia a Venezuela e nun só carril desde Venezuela a Brasil, pasando a dous carrís na última mazá para incorporarse a Urzaiz e Lepanto.

No referente ao sentido ascendente, tan só haberá un carril con acceso desde Urzaiz --o carril de baixada pegado ao bulevar-- ata Brasil e posteriormente os vehículos circularán polo carril central ata Venezuela, xa que o máis próximo ao bulevar estará ocupado pola obra desde Brasil a Venezuela. Desde ese tramo ata Bolivia o tráfico volverá a subir pegado ao bulevar ata incorporarse ao sentido normal de circulación ascendente.

Ademais, Caballero indicou que se permitirá o xiro a dereita de autobuses e taxis desde Gran Vía ascendente a Venezuela, en sentido Concello, e que a rúa Luís Braille permanecerá pechada ao tráfico con saída de residentes por Hernán Cortes e Doutor Carlos Laforet.

Escola de Artes e Oficios
Por outra banda, o alcalde informou do nomeamento en Xunta de Goberno Local das prazas vacantes de cinco mestres de formación (pintura, serigrafía artística, ourivaría, debuxo e moda e confección) correspondentes á Oferta Pública de Emprego de 2019 para a Escola Municipal de Artes e Oficios. Cun importe de 192.463,92 euros, os nomeamentos quedarán extinguidos automaticamente no momento en que se cubran definitivamente as prazas, previa resolución dos procedementos selectivos. Abel Caballero destacou que a EMAO é a única escola de formación gratuíta e que a cidade inclúe nos seus orzamentos un total de 1,2 millóns de euros.