Escoitar

O alcalde esixe á Xunta que pague un bus directo ao aeroporto como fai en Santiago

Segundo recordou Abel Caballero, Concello e Xunta acordaran en 2016 a posta en marcha dun autobús directo de Vigo a Peinador, cun pago autonómico de 260.000 euros por ano, pero nunca se puxo en marcha. Pola contra, a Xunta si abona 340.000 euros anuais polo servizo de Santiago a Lavacolla.

mércores, 8 xan 2020
1578491748080120Alcalderueda.JPG
O alcalde vigués denunciou "unha discriminación máis" da Xunta de Galicia á cidade, posto que adica 340.000 euros ao autobús directo de Santiago ao aeroporto de Lavacolla e segue sen facelo en Vigo, pese a que se tivera acordado en 2016 a posta en marcha deste servizo tamén na primeira cidade de Galicia.

Abel Caballero recordou que Concello e Xunta pactaron en 2016 unha achega autonómica de 260.000 euros por doce meses de servizo dun autobús directo a Peinador, pero nunca se chegou a materializar este convenio.

O 5 de setembro do nomeado ano, explicou Caballero, a Xunta non contestou ás alegacións enviadas polo Concello, quen volveu remitir outro escrito á administración autonómica en 2017 que tamén quedou sen resposta. O goberno de Vigo volveu enviar unha carta á Xunta no 2018 reclamando o autobús directo desde a cidade ao aeroporto que desta volta o executivo de Núñez Feijóo si contestou, esixindo a integración no transporte metropolitano da Xunta para facer efectivo o convenio.

"A Xunta de Galicia ignora", asegurou o alcalde este mércores, "que o aeroporto e Vigo estamos na mesma cidade, somos o mesmo término municipal e polo tanto o transporte é urbano". Abel Caballero concluíu que a Xunta "non quixo que Vigo tivera un autobús ao seu aeroporto" e "levamos desde 2016 reclamándolle á Xunta o apoio do autobús de Vigo ao seu aeroporto, a Xunta nos dixo que si pero a vía da realidade foi que non".
Descargar todas as imaxes