Escoitar

Vigocultura programa 77 funcións con 24 compañías para o primeiro semestre de 2020

Abel Caballero avanzou este luns a programación de Vigocultura para o primeiro semestre de 2020, que contará con 77 funcións postas en escena por 24 compañías e grupos. O pasado ano 2019 un total de 10.000 persoas pasaron polo Auditorio Municipal para gozar das 59 funcións programadas.

martes, 7 xan 2020
1578402893070120Vigocultura_02.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou este martes a programación de Vigocultura para o primeiro semestre de 2020 e destacou o éxito "excepcional" logrado o pasado ano con un total de 10.000 persoas no Auditorio Municipal para gozar das 59 funcións programadas con 42 compañías.

"Durante décadas a programación cultural do Concello de Vigo non existía, a facía a Caixa de Aforros, e tampouco existía o Auditorio Municipal, que se construíu sendo eu alcalde cunha reforma integral", sinalou Caballero durante a rolda de prensa na que compareceu xunto ao concelleiro de Cultura, Abel Losada.

Segundo explicou o rexedor, o investimento para o primeiro semestre de Vigocultura chegará ata os 150.000 euros co obxectivo de por en marcha espectáculos de rúa, monicreques, teatro, comedia, danza, maxia e circo. A programación comezará na rúa do Príncipe o venres 31 de xaneiro, o sábado 1 e o domingo 2 de febreiro con dúas caravanas que realizarán pases de microteatro cada 15 minutos diante do MARCO.

Ao venres seguinte comezará a programación no Auditorio do Concello, que todos os venres exhibirá espectáculos para adultos cos novos espectáculos de compañías como Contraproducións, Sarabela Teatro, Malasombra Producións (Premio do Público 2019), Marelas Producións, Ibuprofeno Teatro ou Producións Teatráis Excéntricas.

Dúas estreas mundiais
O alcalde destacou a estrea mundial de dúas compañías viguesas. Por un lado "Doce uvas, dúas mulleres e unha oliva", da compañía Olivas Negras, e por outro "O libro da Selva", de Teatro Avento. Na vertente máis social, un espectáculo con temática de máxima actualidade. "Jauría" de El Pavón Teatro Kamikaze, un espectáculo recomendado pola Red Española de Teatros, Auditorios, Circuítos y Festivales de Titularidad Pública, baseado na transcrición do xuízo realizado á Manada.

Por terceiro ano consecutivo Vigocultura achegará tamén ao público os espazos máis descoñecidos do propio Auditorio Municipal co seu Programa 3x3. 3 espectáculos que se desenvolverán simultaneamente en diferentes espazos do Auditorio (escenario, camerinos e vestíbulo) e no que o público distribuído en grupos de 15 persoas gozarán de pezas de 15 minutos. 3 espectáculos, 3 compañías, 3 espazos.

Día Internacional da Danza
Un ano máis a programación de primavera pechará coa celebración do Día Internacional da Danza. Esa fin de semana poderemos ver tres espectáculos moi diferentes, un de danza vertical, outro de danza contemporánea e dous pases de danza para bebés. Para os máis pequenos e as súas familias a oferta se completa con espectáculos de circo, música, teatro e monicreques con compañías como Galitoon, Os Monicreques de Kukas, Aracaladanza, Pedras de Cartón, Talía Teatro, Cía. Puntocero ou La Machina Teatro.

As entradas poderán adquirirse anticipadamente a partir de mañá mércores 8 de xaneiro (sen gastos de xestión, ao mesmo prezo que no despacho de billetes), a través da páxina web de Evenbrite, en Discos Elepé, ou o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo, no despacho de billetes do Auditorio (sempre que houbese entradas dispoñibles).

Descontos de ata o 50%
Os abonos para a programación deste semestre unicamente poderán adquirirse en Discos Elepé e pódense combinar entre todos os espectáculos en paquetes de 5 ou 10 espectáculos, con importantes descontos do 10 e 25 % respectivamente.

Ante o éxito da iniciativa do semestre anterior, e co obxecto de fomentar a asistencia ao teatro da mocidade, o público entre 12 e 18 anos poderá beneficiarse dun 50% de desconto no prezo das entradas adquiríndoas anticipadamente a través de Internet co código de desconto OTEATROMOLA.

O Auditorio Municipal do Concello está adscrito ao Programa Platea de Circulación de Espectáculos que xestiona o INAEM en colaboración coa FEMP e forma parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Desde decembro de 2017 tamén pertence á Rede Española de Teatros, Auditorios, Circuítos e Festivais de Titularidade Pública.
Descargar todas as imaxes