Vigo eleva ao 74% a ocupación hoteleira na fin de semana do 6 de xaneiro

Na mesma fin de semana de reis do ano pasado, a cidade rexistrou unha ocupación do 54%, segundo os datos ofrecidos polo alcalde este xoves. Abel Caballero puxo en valor este incremento de vinte puntos porcentuais e avanzou que varios hoteis da cidade xa non teñen prazas dispoñibles para a ponte do día da Constitución.

xoves, 9 xan 2020
O rexedor vigués ofreceu os datos de actividade hoteleira en Vigo durante a pasada fin de semana de reis, unha ocupación que chegou ao 74%, vinte puntos porcentuais máis que no mesmo período do pasado ano, cando foi do 54%.

O 24% dos turistas aloxados en hoteis de Vigo durante estes tres días procedían de Galicia, mentres que o 63% chegaron do resto de España e o 13% restante, visitantes estranxeiros. Un dato este que Abel Caballero salientou, "moi importante" ao tratarse da época invernal.

A repercusión turística da campaña do Nadal de Vigo xa chega incluso ao próximo ano. Segundo revelou o alcalde a modo de anécdota, "a día de hoxe" algúns establecementos hoteleiros da cidade xa non teñen habitacións dispoñibles para a ponte do 6 e 8 de decembro: "Con once meses de antelación, están reservadas todas as habitacións dalgúns hoteis de Vigo", indicou.