Escoitar

O goberno local aproba o convenio coa Deputación para a humanización da Ronda de Don Bosco

A Xunta de Goberno do Concello de Vigo aprobará este xoves o convenio coa Deputación de Pontevedra para o proxecto de reforma da rúa Ronda de Don Bosco, na que o goberno local acometerá a transformación dos xardíns e a redución da velocidade para os vehículos.

mércores, 18 dec 2019
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou en rolda de prensa de que este xoves a Xunta de Goberno Local aprobará o convenio coa Deputación de Pontevedra para acometer as obras de humanización da rúa Ronda de don Bosco.

A adxudicación da reforma é de 1,5 millóns -a Deputación aporta 900.000 euros e o Concello 617.000 euros- e o proxecto inclúe a humanización desde a rúa Progreso ata Velázquez Moreno, e entre Eduardo Iglesias e o Paseo de Granada. O proxecto, cun prazo de execución de 10 meses, ten como foco principal a transformación do xardín situado fronte á igrexa de María Auxiliadora para converter a zona en semipeonil.

Coa reforma da rúa o Concello dará prioridade aos peóns e limitará a velocidade do tráfico rodado a 10 quilómetros por hora. Tamén se levará a cabo a peonalización da rúa María Auxiliadora e a renovación da praza, con maior superficie.

Vítimas de violencia de xénero
Ademais, o rexedor informou de que este xoves a Xunta de Goberno tamén aprobará a adxudicación da contratación do servizo do programa de educación familiar da rede municipal de vivendas de protección a vítimas de violencia de xénero. O importe do contrato é de 28.510 euros e será adxudicado á Fundación Aldaba.

O alcalde tamén engadiu que o novo contrato incrementa en 15 meses a experiencia laboral dos medios persoais adscritos e as horas da formación en materia de igualdade. O Concello dedica 1,5 millóns de euros ao ano a programas de Igualdade e dispón de vivendas para a acollida temporal de mulleres vítimas de violencia de xénero.