Escoitar

O goberno municipal habilita o pago da zona azul a través do teléfono móbil

O alcalde deu conta esta mañá dalgunhas das melloras que está a implementar a concesionaria do estacionamento regulado (zona XER), entre as que destaca a posibilidade de pagar co teléfono móbil. A través da app Telpark, o usuario poderá recibir alertas de caducidade ou localizar o vehículo con xeolocalización.

luns, 18 nov 2019
Os usuarios poden pagar o estacionamento regulado na zona azul a través do teléfono móbil, sen necesidade de contar con diñeiro en efectivo nin buscar un parquímetro. A app Telpark permite tamén recibir alertas de caducidade, localizar o vehículo a través de GPS ou ampliar o prazo de estacionamento. A este respecto, o alcalde avanzou a súa vontade de ampliar ata as catro horas o período máximo de estacionamento (de dúas horas neste momento) para o que se procederá á modificación da ordenanza.

Outros dos avances previstos serán a posibilidade de usar a tarxeta Passvigo como medio de acceder ao servizo; a progresiva implantación de 27 postes de recarga de vehículos eléctricos; todos os novos parquímetros disporán de recarga eléctrica para dispositivos móbeis e, finalmente, incluirán un servizo de información cidadá con temas vencellados co tráfico, entre outros.