Escoitar

A mocidade viguesa clamará contra a violencia de xénero co Enlaza Vigo 2019

O Concello abre este luns no Calvario a mostra de traballos do alumnado de secundaria e desenvolverá o evento central do Día Internacional da Eliminación da violencia contra a muller o próximo luns.

luns, 18 nov 2019
O alcalde deu conta hoxe das actividades que desenvolve o Concello para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a muller adiantando que o acto central terá lugar o vindeiro luns, no Auditorio Mar de Vigo, en horario lectivo, e contará coa participación do alumnado dos centros educativos da cidade.

No Enlaza Vigo, un programa especial dirixido a alumnado de secundaria de centros públicos e concertados da cidade, "seremos un clamor de xente nova en contra das violencias machistas", dixo Abel Caballero, que explicou que haberá actividades informativas, lúdicas e reivindicativas, con proxeccións, mesas informativas ou unha exposición colectiva no ámbito da igualdade e a prevención da violencia.

O rexedor destacou que o Enlaza Vigo do Concello recibiu o Premio de "Boas prácticas contra a violencia de xénero" outorgado pola Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero.

Amais, o alumnado dos centros educativos de secundaria creou lonas artísticas contra a violencia de xénero baixo o lema "Micromachismos. Como erradicalos" que, dende hoxe e ata o 27 de novembro, conforman unha mostra que pode visitarse na zona peonil do Calvario. Na edición pasada participaron 25 centros educativos.