Escoitar

O problema da soidade centra as II Xornadas de envellecemento activo do Calvario

As charlas e actividades celebraranse os días 11, 12 e 14 de novembro. "Vivimos nunha sociedade onde a forma de entender a vida cambiou moito e cumprir anos é un valor", asegurou Abel Caballero na presentación do ciclo.

luns, 4 nov 2019
1572875147041119CalvarioMaiores.JPG
O gran problema da soidade non querida centra a segunda edición das xornadas sobre envellecemento activo que organiza a Asociación de Veciños do Calvario.

"Vivimos nunha sociedade onde a forma de entender a vida cambiou moito e cumprir anos é un valor", asegurou esta mañá Caballero na presentación do ciclo, á vez que ofreceu o seu apoio aos organizadores para posteriores edicións.

As charlas e actividades desenvolveranse os próximos días 11, 12 e 14 de novembro ás 19.00 horas no Centro Sociocomunitario do Calvario (Rúa Numancia, 3). Ademais, organizarán o chamados "Café en compañía" todos os venres.

O presidente da asociación, Raúl Fontán, explicou que este ano centran as xornadas na soidade dos maiores porque "é un grave problema que detectamos no noso barrio e a nivel global" e lembrou que están abertas a toda a poboación.
Pola súa banda, o xerontólogo Andrés Vázquez asegurou que estes programas de formación perseguen crear puntos de encontro e facer do envellecemento unha experiencia positiva chea de oportunidades de saúde, seguridade e participación para mellorar as condicións de vida das persoas maiores e previr a aparición de déficits propios da idade.
Descargar todas as imaxes