Escoitar

O Concello investirá 600.000 euros en renovar a iluminación do parque de Castrelos

Cun orzamento superior aos 600.000 euros, o Concello de Vigo vai renovar a iluminación do parque de Castrelos, substituíndo as actuais luminarias por luces led. O obxectivo é mellorar a iluminación e fomentar o aforro enerxético.

luns, 16 set 2019
Abel Caballero anunciou esta mañá a reforma do alumeado de Castrelos para conseguir mellora da iluminación e aforro enerxético. O venres pasado, o Concello solicitou autorización en Patrimonio para substituír a actual iluminación de sodio de alta presión por luminarias de tecnoloxía led. Cun orzamento superior aos 600.000 euros e un prazo de execución de catro meses, actuarase nun total de 50.000 m2 distribuídos no parque infantil, no circuíto de running, nas pistas deportivas e na rúa Ángel Illarri. O obxectivo, detallou, é mellorar os parámetros lumínicos en todas as zonas e reducir considerablemente o consumo eléctrico. O proxecto prevé incorporar novos modelos de luminarias modernas e acordes co entorno emblemático.

O rexedor referise tamén ao atraso da Xunta en responder á solicitude de autorización a Patrimonio para realizar obras de reforzo no Paseo de Alfonso. O Concello pediu o permiso no mes de marzo e seis meses máis tarde aínda non houbo resposta para poder acometer uns traballos de acondicionamento que se prolongarán dous meses nunha das zonas máis "emblemáticas" da cidade.