Caballero louva a "modernidade" da ponte de Rande, que "cambiou a historia de Galicia"

Ante o MARCO, o alcalde participou na inauguración da exposición "Rande, unha ponte entre dous séculos", unha mostra gráfica sobre a evolución desta infraestrutura, desde o seu proxecto ata a súa recente ampliación. Abel Caballero eloxiou este símbolo da enxeñería, das comunicacións, do deseño, da modernidade e da puxanza de Vigo.

venres, 13 set 2019
1568379120rande.jpg
A exposición foi inaugurada este venres coa participación dos responsables de Demarcación de Estradas do Ministerio de Fomento, da delegación galega do Colexio de Enxeñeiros e da concesionaria Audasa, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e do alcalde, Abel Caballero, encargado de pechar o acto coa súa intervención. Conselleira e alcalde fixeron entrega dos galardóns aos vencedores do concurso de fotografía sobre a ponte, Álvaro Rodríguez en categoría afeccionado e Ricardo Grobas en profesional.

"Rande, unha ponte entre dous séculos" está composta por once prismas triangulares de dous metros que recollen o proceso de xestación, construción e recente ampliación da ponte. Os paneis están dispostos na céntrica rúa do Príncipe, fronte ao Museo MARCO.

Abel Caballero asegurou que a obra "cambiou a historia de Galicia, transformou este país e pasouno da antigüidade á modernidade" e trasladou o seu "recoñecemento" a todos aqueles que o levaron adiante. Recordou o alcalde que en 2007 lanzouse a ampliación de Rande nun acto co anterior presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, a entón conselleira e hoxe edil de Urbanismo, María Xosé Caride, e do propio Abel Caballero á fronte da Alcaldía.

Iluminación
O alcalde indicou que Audasa e o Goberno de España están "levando adiante unha fase ulterior para poñer en valor a ponte, que é a iluminación" de Rande. Segundo anotou Caballero, "hai moito tempo que sei disto, sei como vai" mais avanzou que será o executivo central coa concesionaria o que comunicará o proxecto de iluminación cando corresponda. "A idea da iluminación xa a falamos con Pepe Blanco cando se fixo o convenio" de ampliación, asegurou o rexedor vigués.
1568379120rande.jpg
1568379138rande2.jpg
Descargar todas as imaxes