Escoitar

O goberno local inicia as obras da nova zona verde e de ocio de Candeán

O goberno presidido por Abel Caballero conta cun orzamento de 714.000 euros para a obra, unha espazo de 20.000 m2 sobre o falso túnel da autoestrada, próxima á praza da igrexa onde se celebran os actos festivos e que quedou "minúscula", en verbas do alcalde.

xoves, 12 set 2019
O obxectivo do Concello, tal e como explicou este xoves Abel Caballero, é crear unha zona verde e de ocio para Candeán que contará con espazos para actividades festivas, unha pradeira con terra vexetal e arborado, e unha zona de estacionamento. A obra contempla a instalación de alumeado público e acometidas de saneamento e abastecemento.

Abel Caballero anotou que a zona da igrexa quedou "minúscula" para as celebracións da parroquia e este novo espazo de 20.000 metros cadrados quere gañar amplitude para os actos festivos de Candeán. Ademais, adiantou o alcalde vigués que o Concello prevé adecuar o atrio e a propia igrexa, co obxectivo de legar ás vindeiras xeracións o patrimonio histórico e relixioso vigués "no mellor estado posible".

Xunta de Goberno
Na mesma rolda de prensa, Abel Caballero informou dalgúns asuntos aprobados na Xunta de Goberno Local, como a aprobación dun convenio coa Deputación para o desenvolvemento do Trofeo Concello de Vigo de Piragüismo e Vela, que terá lugar este e a próxima fin de semana nas augas da cidade, coa participación de máis de 1.300 deportistas de Galicia e Portugal.

O goberno vigués tamén validou o convenio coa Consellería de Emprego para que esta acredite a formación impartida polo Concello no proxecto de emprego "Vigo pola inserción laboral". O Concello conseguiu 1,7 millóns de fondos europeos para un proxecto de 2,1 millóns (con 400.000 euros abonados con fondos municipais) para levar adiante itinerarios formativos con certificados de profesionalidade en materias de comercio, catering, atención sociosanitaria, actividades de venda, xestión de almacéns, cociña, pequeno comercio e soldadura.

Por último, o executivo vigués acordou a subvención mediante convenio de 195.000 euros á Asociación de Corais Polifónicas de Vigo para o programa de actuacións deste ano das 39 formacións corais que aglutina.