Escoitar

Xuventude abre no Castro o segundo local de ensaio para grupos de música

O concelleiro de Xuventude, Santiago Domínguez, visitou o novo local municipal de ensaio do Castro no que 50 grupos musicais integrados por mozos vigueses poderán compoñer e interpretar as súas creacións.

luns, 5 mai 2003
1052134768local1.jpg
Santiago Domínguez no novo local de ensaio
"A Concellería de Xuventude enorgullécese de presentarlles aos mozos de Vigo o novo local de ensaio situado no Castro", afirmou Santiago Domínguez. O concelleiro explicou que arredor de 100 grupos poderán utilizar as instalacións postas á súa disposición tanto na Casa da Xuventude de López Mora como no Monte do Castro co fin de que Vigo sexa unha verdadeira cidade que pula pola nova música no Estado e en Galicia.

Coa creación do primeiro local de ensaio, pioneiro en Galicia, Vigo converteuse nun referente para outros concellos que copiaron a iniciativa. "Cando esta corporación chegou ao Goberno municipal os mozos vigueses só dispuñan da Casa da Xuventude de López Mora, pero catro anos despois conseguimos que poidan utilizar dous locais de ensaio, un cíber, un local de reunións e audicións, sala de obradoiros, sala de exposicións, ludotecas e unha nova Casa da Xuventude na rúa Uruguay", sinalou Santiago Domínguez.

O novo local está insonorizado e dotado de equipamento básico musical para a súa utilización, xa que dispón dunha mesa de mesturas, micros e amplificadores eléctricos, así como unha batería a disposición de todos, xa que se trata dun instrumento de difícil traslado.

Este local inclúese no programa "Tocavigo" da Concellería de Xuventude, destinado a impulsar os grupos de música, no que existe ademais un catálogo con reseñas de cada grupo e realízanse accións coas entidades públicas para que prioricen a contratación de grupos locais nas festas e mantén un espacio virtual na web.

Súbete ao Castro

Con esta nova instalación situada no Castro faise realidade un espacio destinado á xuventude e incídese na necesidade de coidar o contorno onde se localiza. Este local de ensaio ocupa o espacio que anteriormente estaba destinado ao Cibercastro, que trasladou as súas instalacións ao edificio anexo, para mellorar as súas condicións de amplitude.

Na programación de Cibercastro deste mes realizaranse cursos de guitarra eléctrica, batería e percusión e concertos todos os sábados ás 23:00 horas. Continúase tamén coa programación habitual con dardos, bosquexos, xogos de mesa, ofimática, mecanografía, skate, roller, tai-chi, servicios de internet, punto de información xuvenil, comiteca e revistas, entre outras actividades.
1052134768local1.jpg
1052134843local2.jpg
1052134930local3.jpg
1052135052local4.jpg
Descargar todas as imaxes

Máis información