Escoitar

Caballero avoga por aumentar "a duración e a atracción" da festa da Reconquista do 2020

O Boletín Oficial do Estado publica este martes a resolución estatal que declara de interese turístico nacional a Festa da Reconquista, a primeira en Vigo que o consegue. Esta distinción foi recollida polo alcalde en Madrid o pasado 18 de xullo, de mans da ministra de Turismo.

martes, 30 xul 2019
A resolución pola que a Secretaría de Estado de Turismo concede este título á Reconquista de Vigo sae publicada no BOE este martes, 30 de xullo, segundo informou o alcalde, Abel Caballero. O propio alcalde acudira a Madrid o pasado 18 de xullo para reunirse coa ministra de Turismo, Industria e Comercio, Reyes Maroto, e a secretaria de Estado, Isabel María Oliver Sagreras, onde recolleu esta distinción.

Este martes, Abel Caballero avanzou que "imos reforzar a festa" de cara ao próximo ano, aumentando "a duración e a atracción" da mesma. A Reconquista é a primeira festa da cidade nomeada de interese turístico nacional, o que contribuirá á "eclosión" que está a experimentar a turismo en Vigo, con niveis de ocupación que "non teñen precedentes", segundo anotou o primeiro edil.