Escoitar

O Concello continúa o programa de concertos con Toni Lomba, Heredeiros da Crus, MITIC e Amparanoia

Despois da actuación onte xoves de Sondeseu, o Concello programa para este venres un dobre concerto na Porta do Sol: Toni Lomba & Elio dos Santos, ás 22h, e Heredeiros da Crus, ás 23h. Este sábado, tamén na Porta do Sol, MITIC ás 22:30h e Amparanoia ás 21h na terraza do Auditorio Mar de Vigo. Todos son gratuítos.

venres, 12 xul 2019
Onte xoves o Concello deu comezo ao programa estival de festas na Porta do Sol, co concerto de Sondeseu, a Orquestra Folk de Galicia. Para este venres, segundo recordou Abel Caballero en rolda de prensa, o mesmo escenario acollerá un dobre concerto: ás 22h, Toni Lomba & Elio dos Santos e ás 23h, Heredeiros da Crus. Antes de ambas actuacións, desde as 19h, a Porta do Sol encherase de folclore da man de Froles Novas, Pandereteiras e Acordeóns Helios, Lembranzas Galegas e Asubío.

Para este sábado, o programa municipal contempla dous concertos. Os de Porta do Sol conclúen con MITIC O Espectáculo, que arrancará ás 22:30h despois dunha xornada de actuacións folclóricas neste céntrico espazo, a cargo de Andarela, A Buxaina, Gaitas Atlántida, Corisco, Monteira, Queixumes, Arroases, Os Ventos de Comesaña e Traspés, ademais dun flashmob. Tamén este sábado se celebra na terraza do Auditorio o concerto de Amparanoia, ás 21h. Neste caso o cheo está asegurado ao terse retirado xa todas as invitacións dispoñibles.

Abel Caballero recordou que desde este venres están á venda as entradas para a zona de pago do concerto de Roger Hodgson, artista coñecido por formar parte de Supertrump, que actuará no auditorio de Castrelos o 29 de xullo.

Por último, o alcalde anotou que este venres comezan as actividades lúdicas en Villa Solita, unha vez rehabilitada por Concello e Deputación. Ás 20:30h, "Contos de indianos", unha proposta de música e teatro dirixida ao público infantil, tamén con acceso de balde.