Escoitar

100 efectivos atenderán as praias de Vigo durante o verán

O Concello dedica case medio millón de euros anuais á prestación do servizo de salvamento e socorrismo en 10 areais, un dispositivo que comeza a funcionar este sábado. Dende hoxe está operativa a unidade de costa e praia da Policía Local con 17 axentes.

xoves, 13 xuñ 2019
O servizo municipal de salvamento, socorrismo e asistencia sanitaria nas praias de Vigo comeza a traballar deste sábado 15 de xuño e ata o 15 de setembro en 10 areais: A Punta (Teis), O Tombo do Gato, Argazada (Alcabre), Samil, O Vao, Fontaíña (Coruxo), Canido (San Miguel de Oia), Fortiñón (Saiáns), Rodas e Figueiras (Illas Cíes).

Abel Caballero informou de que o goberno municipal dedica case 500.000 euros ao ano para prestar este servizo que atenden 75 profesionais entre coordinadores, efectivos de enfermería, protección civil, técnicos de emerxencias sanitarias ou socorristas. A estes cómpre sumar os 19 operarios do servizo de limpeza.

Amais, o rexedor en funcións explicou que dende este xoves xa está en funcionamento a Unidade de Costa e Praia da Policía Local de Vigo que conforman 17 axentes con base en Samil e que cobren todas as praias do litoral vigués, entre a sección en bicicleta e a UMIR, que actúa onde chega Costa e Praia.

Unha das novidades do servizo este verán está na atención das Illas Cíes a onde, segundo Caballero "enviaremos axentes tódalas fins de semana durante todo o día, noites incluídas, e tamén os días de diario", nos que a previsión de bo tempo faga prever afluencia de visitantes.

En total, tal e como expuxo o alcalde en funcións, este verán Vigo contará con "100 persoas dedicadas a limpar, protexer, vixiar e gardar a orde nas praias".