Escoitar

Super Wings e o musical "O Rei da Sabana", concertos infantís para as Festas de Vigo

Estes dous espectáculos completan o programa infantil das Festas de verán xunto a "Shrek, o musical" e "Rock en familia: Queenmanía". Abel Caballero informou este xoves da cancelación do concerto do violinista Ara Malikian, previsto para o 3 de agosto, por problemas de saúde.

xoves, 13 xuñ 2019
O alcalde en funcións deu conta hoxe da cancelación do concerto do violinista Ara Malikian, previsto para o 3 de agosto en Castrelos, tras sufrir un accidente na escaleira dun avión en Costa Rica, que o obriga a cancelar varias cita da súa xira. Con todo, explicou que o Concello negocia para que o vindeiro ano actúe nas Festas de Vigo, dada a "gran expectativa e satisfacción que xeraba a súa presenza en Vigo; así que queremos telo o vindeiro ano".

Con esta ausencia, o programa de concertos en Castrelos queda como segue: o 17 de xullo, Lauryn Hill; o 19 de de xullo, Leiva; 23 de xullo, Tom Jones; 24 de xullo, Fangoria; 26 de xullo, Rick Astley, 29 de xullo, Roger Hodgson (Supertramp), 1 de agosto, Thirty Seconds to Mars e o 8 de agosto, David Bisbal.

Abel Caballero anunciou dous novos concertos en Castrelos, cos que se completa o programa infantil das Festas de Vigo: Super Wings Live Show, o 5 de agosto ás 20 horas da tarde e o Gran Musical O Rei da Sabana, o 7 de agosto ás 20:00 horas.

Super Wings Live Show é o espectáculo musical baseado na serie de Clan TV para gozar en familia con música, diversión e participación do público.

"O Rei da Sabana" é a primeira adaptación ao galego do musical El Rey León que conta cun elenco de 13 solistas, un coro de máis de vinte voces en directo e resulta de grande impacto visual.

Estes novos espectáculos infantís súmanse aos xa confirmados: Rock en familia: Queenmanía, o 4 de agosto ás 20:00h e Shrek, o musical, o 6 de agosto ás 20:00 horas en Castrelos.