Escoitar

O Concello destina 180.000 euros en tres anos ao programa Vacacións en Paz

A Xunta de Goberno Local aprobará o convenio coa Asociación Galega do Pobo Saharauí para custear as viaxes a Vigo dos nenos dos campamentos de Tinduf en verán e tamén o convenio coa Federación de Libreiros de Galicia para o desenvolvemento das feiras do libro de Vigo 2019.

martes, 7 mai 2019
O Concello achegará 180.000 euros nos próximos tres anos á Asociación Galega co Pobo Saharauí para o desenvolvemento do proxecto "Vacacións en Paz 2019-2021 en virtude da subvención nominativa mediante convenio de colaboración que aprobará este xoves a Xunta de Goberno Local.

O obxectivo do convenio é financiar os gastos de desprazamento dos nenos saharauís procedentes dos campamentos de refuxiados de Tinduf que pasan os meses de xullo e agosto con familias viguesas, que lles ofrecen asistencia médica e lles ofrecen alternativas de ocio e tempo libre.

Ademais quedará aprobada tamén a concesión directa dunha subvención, mediante convenio entre o Concello de Vigo e a Federación de Libreiros de Galicia para o desenvolvemento das Feiras do Libro de Vigo 2019 por un importe de 7.200 euros. A Feira do libro novo terá lugar entre o 27 de xuño e o 6 de xullo e a feira do libro antigo e de ocasión celebrarase do 20 de xullo ao 4 de agosto.