Escoitar

O Pleno avala un Plan Económico Financeiro "sen medidas" tras a adquisición do Mar de Vigo

A liquidación da concesionaria do Auditorio foi abonada con cargo aos remanentes do Concello, é un gasto "conxuntural" e polo tanto o PEF non presenta "medidas nin custe adicionais" para a cidadanía. Explicouno ante o Pleno o edil de Facenda, quen atribuíu a indemnización á "herdanza" recibida, xa que esta concesión data de 2006.

mércores, 27 feb 2019
A Corporación validou o Plan Económico Financeiro cos únicos votos do grupo do goberno de Vigo e o rexeitamento de PP e Marea. O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, explicou que o Concello tivo que facer fronte a unha indemnización de 35,2 millóns, aproximadamente a metade do inicialmente reclamado pola empresa, un gasto derivado dunha concesión municipal asinada en 2006, previa á chegada de Abel Caballero á Alcaldía e cun goberno en Vigo do Partido Popular.

O Concello fixo fronte a este gasto atípico, "non estrutural", advertiu Aneiros, con cargo ao aforro, ao superávit municipal e aos remanentes do Concello. A indemnización derivada da liquidación provocou o incumprimento da estabilidade orzamentaria e da regra de gasto, o mesmo que lle aconteceu ao Goberno de España cando se rescataron as autoestradas radiais de Madrid, anotou o concelleiro.

Así, engadiu Aneiros, a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF) sinala precisamente que o Concello de Vigo volverá cumprir este ano cos obxectivos de estabilidade orzamentaria e a regra de gasto. Documentos do propio Ministerio de Facenda, lidos hoxe por Jaime Aneiros, detallan que "a pesar de ter que elaboralo (o Plan), a orixe do incumprimento non é estrutural (...), polo que as medidas de axuste en realidade non existirían". Concluíu o concelleiro que hoxe Vigo conta cun auditorio "100% público" e que este Plan Económico Financeiro carece de "medidas nin custe adicionais" para a cidadanía.

Debate
A oposición municipal incidiu no incumprimento da estabilidade orzamentaria e do teito de gasto. No debate plenario, o voceiro de Marea, Rubén Pérez, asegurou que o goberno de Vigo no 2008 autoriza unha modificación da obra e apunta que a indemnización ten custe para os vigueses ao ser pagada tamén coa venda de patrimonio municipal. Pérez reclamou que se descarte unha nova concesión. O PP abondou nos incumprimentos da liquidación de 2018 e asegurou que o goberno está "falseando as contas" ao incluír na operación a venda do edificio municipal de Areal.

O concelleiro de Facenda pechou o debate asegurando que desde 2013 o goberno de Vigo veu rexeitando todos os requirimentos da concesionaria, incluso con sentenzas xudiciais favorables a actuación municipal, ata a presentación da liquidación no pasado ano. Ao respecto da denuncia do PP, Aneiros defendeu que o Concello actúa con transparencia e legalidade e aclarou que as normas obrigan a computar o ingreso no momento no que se contrae o dereito, neste caso, a venda do edificio municipal de Areal.