Escoitar

A unanimidade do Pleno aproba controlar a proliferación das apostas online e casas de apostas na cidade

A moción, presentada por Marea de Vigo, insta ao Goberno autonómico a limitar a apertura das casas de apostas físicas e ao Goberno do Estado a regular a publicidade desta actividade para protexer ao público infantil e xuvenil.

mércores, 27 feb 2019
A unanimidade do Pleno de Vigo aprobou este mércores tomar medidas de prevención ante a ludomanía e controlar a proliferación das apostas online e as casas de apostas na cidade.

A moción defendida por Rubén Pérez, de Marea de Vigo, insta ao Goberno do Estado a reformar a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual e á Lei Xeral de Publicidade para regular a publicidade das casas de apostas e facer efectiva a protección do público infantil e xuvenil. Amais solicítase ao Goberno Autonómico que limite a apertura de casas de apostas físicas e a que integre na Comisón de Xogo de Galicia a representantes das asociacións qe tratan a adicción, instando tamén ao SERGAS á formación de profesionais da saíde para mellorar a prevención, detección e tratamento destas adiccións ao xogo.

O texto demanda do goberno local que introduza no PXOM limitacións urbanísticas para a implantación de locais de apostas nas inmediacións de espazos frecuentados pola infancia e a mocidade como os centros educativos, culturais, deportivos ou xuvenís. Tamén solicita o desenvolvemento de campañas e actividades divulgativas nos centros escolares, en colaboración coas asociacións de xogadores rehabilitados; reforzar a formación da Policía Local no acceso de menores de idade nas apostas e o xogo, crear unha taxa específica para os establecementos que instalen dispositivos de xogo e apostas de cara á vía pública. Por último, ínstase ao goberno municipal a impedir a publicidade exterior do futuro casino do Centro Comercial A Laxe.