Caballero propón integrar a fachada da vella estación de tren no deseño de Mayne para Urzáiz

O alcalde anunciou hoxe luns a súa intención de recuperar a fachada de pedra da antiga estación de tren de Vigo -desmontada nos oitenta e almacenada en Redondela- para emprazala xunto ao acceso á nova estación do AVE de Urzáiz, deseñada por Thom Mayne. O arquitecto estadounidense visita hoxe a cidade.

luns, 4 feb 2019
1549359109LRG_DSC08903.JPG
Abel Caballero considera que é o "momento da recuperación dunha parte da historia da cidade" e propón a Thom Mayne -que este luns visita o desenvolvemento da estación do AVE de Vigo- que a fachada de pedra da antiga terminal se reproduza xunto ao muro da Praza da Estación, ao lado da que será a nova entrada ao inmoble ferroviario deseñado polo premiado arquitecto.

"Queremos recuperar unha parte da nosa memoria", explicou o alcalde, quen manifestou ter unha "gran expectativa" na visita á cidade de Thom Mayne, unha década despois da última. Caballero asegura que a futura estación do AVE de Vigo, pola "categoría e calidade" do arquitecto e por ser lugar de "encontro cidadá", se converterá nunha "peza mestra da historia da arquitectura de Vigo" que estará "á altura dos mellores edificios desta cidade".

Caballero e Mayne visitan este luns a Praza da Estación e a futura praza cidadá que se creará á altura de Vía Norte, sobre o edificio da terminal, dun tamaño equivalente a "tres campos de fútbol", segundo indicou o rexedor. Tamén acuden ao emprazamento do elevador proposto polo goberno de Vigo, que unirá García Barbón -xunto ás torres- coa praza superior: "quero que o ascensor o faga Thom Mayne", anotou o alcalde.
Descargar todas as imaxes