Escoitar

Caballero di que a carreira 24 horas de Vigo, esta fin de semana en Castrelos, é "o atletismo en estado puro"

O alcalde invitou á cidadanía a que vaia a ver a proba ao parque de Castrelos e valorou tamén que moitos atletas corran tentando recadar fondos para enfermidades como a ELA, o autismo, o cancro, a distrofia muscular de Duchenne ou o síndrome de Schaff Yang.

martes, 21 ago 2018
1534856606Carrera24horas_02.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou esta mañá a quinta edición das 24 horas de Vigo, "a máis importante de Galicia por equipos", segundo explicou, e unha carreira popular de "resistencia e forza" no parque de Castrelos.

Corenta e dous equipos que xuntos suman medio milleiro de atletas e 31 corredores para a clasificación individual competirán esta fin de semana no circuíto atlético de Castrelos, deseñado e inaugurado hai cinco anos.

"É unha proba de atletismo de importancia excepcional", subliñou o rexedor, que estivo acompañado na rolda de prensa de presentación do evento polo presidente do club organizador, José Rial, do Castrelos 20:30, pola atleta olímpica Estela Estévez, que participará na 24VGO, polo edil de Deportes, Manel Fernández, e outros directivos da organización.

Ao mediodía do sábado comezará a competición, cuns 530 participantes, e rematará ao mediodía do domingo.

"Quero felicitar á organización porque son a alma do running en Vigo, estou moi orgulloso deles e teñen un mérito excepcional", manifestou o xefe do goberno municipal, que explicou que os corredores e as corredoras "fan o que parece prácticamente imposible: estar vintecatro horas correndo en deportividade, con entrega e esforzo totais".

Caballero, que definiu a carreira como "o atletismo en estado puro", invitou á cidadanía a que vaia a ver a proba ao parque de Castrelos e valorou tamén que moitos atletas corran tentando recadar fondos para enfermidades como a ELA, o autismo, o cancro, a distrofia muscular de Duchenne ou o síndrome de Schaff Yang.
Descargar todas as imaxes