Escoitar

A ordenación provisional permitirá a 50.000 titulares catastrais pedir licencias este ano

Abel Caballero anunciou este martes a exposición pública da ordenación provisional que permitirá recuperar case o 40% da superficie edificable do PXOM de 2008. O prazo de alegacións ábrese de inmediato e este ano chegará a aprobación definitiva que beneficiará a 50.000 titulares catastrais.

martes, 21 ago 2018
O alcalde de Vigo informou este martes de que a ordenación provisional xa está en fase de alegacións para ser aprobada de forma definitiva este ano e permitir que 50.000 titulares catastrais poidan pedir licencia da mesma maneira que antes da anulación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de 2008.

"Vai a permitir de forma case inmediata recuperar un terzo da edificabilidade do Plan de 2008", sinalou Abel Caballero antes de indicar que os propietarios recuperarán nuns meses a capacidade de edificación que tiñan co plan de 2008. "Aproximadamente o 35% da superficie edificable de Vigo", engadiu.

O Concello inicia agora, mediante o anuncio no DOG, a fase de exposición pública para que todos os interesados poidan presentar alegacións no prazo de 20 días e posteriormente responderá aos interesados para acada finalmente a aprobación definitiva.

Caballero tamén sinalou que nos vindeiros días entre 45.000 e 50.000 titulares catastrais recibirán unha carta dándolles información dos seus dereitos. Esta ordenación provisional afecta a un total de 23 millóns de metros cadrados e, sumándolle os plans especiais do Casco Vello e Bouzas, supón o 40 por cento da edificabilidade na cidade.

"Todo aquel que podía pedir unha licencia antes da anulación do Plan, tamén o poderá pedir en 2018, terán ese dereito antes de que acaba o ano", sinalou o rexedor. Ademais, indicou que desde o Concello enviouse documentación á Xunta e ao Goberno central.

"É unha grande noticia, antes de que acabe este ano estará recuperado practicamente a metade do plan de Vigo, 50.000 propietarios recuperarán a posibilidade de obter licencias e aprobamos a edificación que se vai a facer en Vigo nos vindeiros 20 anos", rematou o alcalde.