Escoitar

Caballero: "Apoio o dereito de todos os concellos de bonificar aos seus cidadáns, pero a Lei só se aplica contra Vigo"

O alcalde de Vigo defendeu este venres a creación da Pass Vigo para bonificar os servizos municipais aos seus cidadáns despois de que o xulgado ordenase expedir a tarxeta sen a limitación de empadronamento. Abel Caballero mostrou o seu apoio a todos os concellos galegos e españois que inclúen esa disposición para axudar aos seus cidadáns, pero lamentou que unicamente Vigo é penalizado pola lei creada pola Xunta de Galicia.

venres, 27 abr 2018
1524832667transporte.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mostrou este venres o seu apoio a todos os concellos que bonifican aos seus cidadáns no transporte público e avanzou que os servizos xurídicos pedirán ao Xulgado Contencioso Administrativo aclaracións sobre o auto xudicial no que obriga ao Concello de Vigo a expedir a tarxeta Pass Vigo sen restricións por empadronamento en base á Lei de Acompañamento dos Orzamentos da Xunta de Galicia en 2017.

"Os concellos fan o que teñen que facer, o apoio porque creo que teñen razón os concellos, opinan o mesmo que eu, opinan o mesmo que Vigo, pero cando o fai Vigo aplícase a lei e se para, esa é a cuestión", sinalou o rexedor durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación.

O alcalde mostrou as normativas do resto das cidades galegas, como as da Coruña, Ourense, Santiago e Lugo -Pontevedra non ten transporte urbano e Ferrol non aplica descontos-, sobre o transporte para demostrar que en todos os casos hai bonificacións. "Os outros concellos non están nesta situación, ao que se lle acaba de obrigar a pagar autobuses, incluso bonos sociais, incluso gratuidade total é a Vigo, a Coruña non, a Ourense non, aos outros non, a Vigo si, porque como é natural ninguén recorreu en contra dos restos, porque creemos que teñen razón", sinalou Caballero.

O rexedor insistiu en que apoia aos concellos que dan axudas porque "teñen razón" e asegurou que "comparto o que din" as súas ordenanzas. "Como non vou a compartir é o dereito a facer a súa política municipal cos seus cidadáns, claro que si. Cando me preguntan se vou recorrer o de Mos, por suposto que non", engadiu.

Solicitude de aclaracións
Os servizos xurídicos do Concello presentarán ante o Xulgado Contencioso Administrativo de Vigo un escrito solicitando que aclare diversos puntos sobre o auto emitido o pasado mércores, segundo explicou o alcalde.

Caballero criticou as declaracións do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, cando dixo que o auto xudicial "é moi positivo para Vigo". O alcalde sinalou que "Feijóo considera bo para a cidade que paguemos centos de miles de euros, esta é a filosofía de Feijóo, o explica moi ben, é a mellor frase desde que goberna a Xunta, porque el considera que non é bo para Vigo que a Xunta pague, non, considera bo que Vigo pague o que non lle corresponde".

Descargar todas as imaxes