Escoitar

O alcalde anima á cidadanía a achegarse esta fin de semana ao Salón Retro Auto&Moto no IFEVI

O alcalde presentou este xoves o evento, que comeza este sábado con homenaxes ao Lamborghini, Porsche 356, Citroën 2CV e ao Seat 124. O Salón aumenta notablemente os contidos de motos clásicas con casetas especiais dedicadas a Vespa e Montesa de estrada, e presenza de clubs

xoves, 15 feb 2018
1518702838retro.JPG
Os afeccionados ao mundo do motor clásico teñen unha nova cita os días 17 e 18 de febreiro no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), onde se celebrará a oitava edición de Retro Galicia, o salón do vehículo clásico e de época.

Un dos principais atractivos de Retro Galicia será a caseta especial dedicada ao 55º aniversario de Lamborghini, a mítica marca competidora de Ferrari, cuxos modelos levan nomes de tauromaquia española, xeralmente de touros indultados. A caseta contará con algúns dos modelos máis afamados da historia deste fabricante, como o Miura, Countach ou Aventador S, entre outros.

Os afeccionados aos deportivos tamén gozarán da celebración dos 70 anos cumpridos polo Porsche 356, un dos vehículos máis admirados e valorados da historia do automóbil. A organización reservou un espazo de referencia que albergará diferentes carrocerías e modelos deste emblema do mundo do motor, pertencentes a coleccionistas galegos e do norte de Portugal, confirmándose a presenza do mítico Porsche 356 Speedster.

O 70 aniversario do Citroën 2 CV, que na cidade olívica supón ademais un feito especial ao estar a factoría española do fabricante francés, será outro dos contidos que gustarán aos afeccionados.

A mostra deste modelo, un dos vehículos máis populares do fabricante francés e que en España tivo unha gran aceptación, inclúe diversos acabados deste utilitario, que reflicten a súa evolución co tempo, pois se fabricou nada menos que durante máis de corenta anos, ata 1990, destacando un Citroën Sahara bimotor.

Ademais, a organización previu celebrar o 50º aniversario do Seat 124 cunha caseta onde se exhibirán diversos modelos da súa gama, xa que se fabricou en versións berlina, familiar e cupé, con diferentes mecánicas e acabados.

Este é outro dos modelos que ocupa un lugar destacado no corazón de moitos españois, pois permitiu elevar a categoría das viaxes e a comodidade, mellorando aos utilitarios do momento, á parte dunha traxectoria deportiva de primeiro nivel, xunto ao seu irmán 1430.

Entre as actividades previstas figura o XII Rally de Primavera Premio Retro Galicia, en colaboración coa Escuadra Vigo Clásicos, que se celebrará ao longo do sábado, pois xa pola mañá terá lugar a concentración en parque pechado de ata 50 coches para tomar a saída e realizar unha ruta polas estradas da provincia pontevedresa.

Tras regresar ao recinto feiral a comer, pola tarde haberá unha segunda ruta, con entrega final de premios ao final da xornada na propia exposición.


A moto clásica
Esta edición de Retro Galicia conta cunha especial atención ás motos clásicas, que gañan protagonismo na feira, tanto en casetas de de diferentes modelos en exhibición e en venda, como en actividades durante o fin de semana.

Un dos actos programados importantes será a presentación que Garage Clandestino, o concesionario oficial de Harley Davidson en Vigo, fará este sábado ás 12,30 do seu proxecto A Clandestina. Trátase dunha moto customizada, baseada nunha H-D Street 750 coa que se presentará ao concurso mundial Battle of the Kings da marca americana, onde os usuarios votan a nivel mundial pola mellor moto.

Ademais, o certame contará coa implicación de varios clubs na organización de diferentes exposicións e concentracións, destacando senllas casetas, unha retrospectiva sobre Vespa desde os anos 50 aos 90, e unha mostra de Montesa de estrada, con presenza de practicamente toda a gama.

A feira galega ocupará nesta edición algo máis de 6.000 m/2 e contará cuns 80 expositores do sector de rehabilitación e restauración de coches e motos, seguros, pezas, agasallos, roupa e decoración, revistas, libros e documentación, miniaturas, coleccionismo e outras áreas todas en relación co sector dos vehículos clásicos.

Destaca a presenza de varias empresas de renome no sector de clásicos, como as firmas Juan Lumbreras, Classicos Topcar, ou Good Old Times, que achegarán as súas últimas novidades ás súas casetas.

O certame estruturarase, como é tradicional, en:

Zona de Exposición
- Exposicións de automóbiles e motocicletas
- Exposicións de clubs
- Estacionamento de automóbiles clásicos (concentracións, etc…)

Zona Comercial
- Venda de automóbiles e motos clásicas
- Automobilia (mercado de pezas, accesorios, libros, documentación, etc.)


Zona gratis de venda para particulares
Retro Galicia contará de novo co espazo Cover Garage, unha área para que os propietarios particulares poidan comercializar gratis os seus vehículos, xa sexan coches ou motos, grazas a unha iniciativa patrocinada pola aseguradora para vehículos clásicos Classic Cover.

Esta zona ten as prazas limitadas, polo que é conveniente realizar as inscricións canto antes a través da páxina web www.eventosmotor.com. Os vehículos expostos poderán ter un cartel cos principais datos: prezo, quilometraxe e outras particularidades.

Aparcadoiro de 10.000 m/2 cuberto e gratuíto
Os propietarios particulares de vehículos clásicos ou os pertencentes a clubs que acudan a concentracións dispoñerán novamente este ano dun aparcadoiro cuberto e gratuíto, pois se habilitarán 10.000 m/2 do pavillón 1 do Ifevi, anexo á zona de exposición.

E ademais, ata dous ocupantes de cada vehículo, xa sexa moto ou coche, terán un desconto no acceso e poderán comprar a entrada ao prezo reducido. Considérase vehículo clásico aos de 25 anos, mentres non entre en vigor a nova normativa que eleva a 30 anos este parámetro.

Con entradas a 8 euros, que serán de só 5 para os asistentes en coche ou moto clásica ou a concentracións e nenos menores de 10 anos gratis, esta feira supón unha oportunidade de pasar unha xornada contemplando coches e motos de diferentes épocas, e de ensinar aos máis pequenos como eran aquelas máquinas doutros tempos
Descargar todas as imaxes