Escoitar

O Concello interpón un contencioso-administrativo contra a obriga de financiar os centros de día da Xunta

A Xunta de Galicia obriga por lei ao Concello a abonar 550.000 euros polos centros de día de Valladares, Teis e Coia e polas escolas infantís de Palencia e Valladares, de competencia autonómica, un "abuso contra os dereitos constitucionais do Concello", en verbas do alcalde de Vigo, que será recorrido. <br />

mércores, 17 xan 2018
O goberno de Vigo acordou este mércores interpor un recurso contencioso-administrativo contra a decisión da Xunta de Galicia de obrigar ao Concello a cofinanciar os centros de día de Valladares, Teis e Coia.

En rolda de prensa, Abel Caballero informou da decisión municipal contra a lei da Xunta que forza ao Concello a abonar parte do custe destes tres centros de día e das escolas infantís de Valladares e da rúa Palencia, de competencia e xestión autonómica. En total, o copago esixido a Vigo ascende a 550.000 euros anuais. O Concello recorrerá separadamente os cofinanciamentos requeridos polos centros de día e polas escolas infantís, "competencia exclusiva da comunidad autónoma".

O alcalde de Vigo censurou que a Xunta de Galicia "unilateralmente" lexisle o pago por parte da cidade dos servizos de competencia autonómica e nunha cantidade "non menor", o que representa "un abuso contra os dereitos constitucionais do Concello". Dentro das competencias que a LARSAL atribúe aos concellos non se inclúe a asunción forzosa de parte dos gastos ordinarios de centros da administración autonómica, explicou Caballero, que nalgún caso son ademais supramunicipais, como os centros de día. Abel Caballero recordou que os servizos sociais que deben garantir os concellos son os comunitarios básicos.

A Xunta de Galicia non contestou ao requerimento administrativo previo presentado hai dous meses polo Concello, informou o rexedor, quen entende que a Xunta busca "alongar" o proceso de recurso "o máximo posible" porque "saben que o van perder".