Escoitar

O rexedor afirma que "xa tivemos unha infinita paciencia" e a partir de febreiro os camións non poderán pasar por Teis

Abel Caballero asegura que despois de dous anos esperando é imprescindible que a Xunta faga algún xesto para construír os accesos e converter o tramo en urbano

mércores, 3 xan 2018
O alcalde de Vigo afirmou este mércores que ante a falta de resposta por parte da Xunta para converter en tramo urbano o treito da AP9 ata Bos Aires a partir do vindeiro 1 de febreiro a maioría dos camións non poderán circular por Teis.

Caballero alertou de que se trata dun problema de tráfico e de seguridade para os cidadáns. "É imprescindible que a Xunta de Galicia faga algún xesto de que vai a converter o tramo da AP9 desde a Avenida de Bos Aires ata o centro da cidade en tramo urbano facendo os accesos que corresponde e, polo tanto, dicindo que vai encargar o proxecto de forma inmediata, senón o 1 de febreiro é o último día para unha grande parte dos camións que están rompendo Sanjurjo Badía", apuntou o rexedor.

Abel Caballero cualificou esta vía como "a rúa máis castigada de Europa porque a Xunta non articula a vía alternativa da autoestrada" e explicou que ese tramo da AP9 está libre de peaxe, polo que non son necesarias as indemnizacións e simplemente fan falla os accesos.

O alcalde lembrou que a Xunta investiu 12 millóns de euros no túnel do Parrote, na Coruña, e que Feijóo comprometeuse a adicar A mesma cantidade de diñeiro ao proxecto que o Concello de Vigo decidise. "Eu díxenlle que fora para a conexión de Bos Aires coa autoestrada, xa lle dixen hai un ano que se comprometera co proxecto, pero non respondeu nin a ese compromiso, polo tanto para A Coruña houbo 12 millóns e para Vigo nada", asegurou Caballero.

Así mesmo, mencionou os investimentos do Ministerio de Fomento e a Xunta na conexión de Santiago coa Cidade da Cultura, cun custe de 6 millóns de euros, e na conexión dos parques empresariais de Santiago, con outros 30 millóns. "Para Santiago hai diñeiro, para A Coruña hai diñeiro, para Vigo non hai, a nosa paciencia esgotouse, tivemos unha infinita paciencia, levamos desde o 15 de xaneiro de 2016 esperando, imos camiño do 15 de xaneiro de 2018 e seguimos agardando, o único que pedimos é un xesto, comprometerse a facer o proxecto", insistiu.

O rexedor vigués tamén sinalou que os cidadáns de Teis teñen que "soportar camións de cinco eixos con máis de 30 toneladas de peso rompendo a rúa, é un problema de tráfico e de seguridade", polo que abundou en que ante a ausencia de resposta, o 1 de febreiro acabaranse as autorizacións para circular polo centro da cidade da maioría dos camións.