Escoitar

O goberno de Vigo aproba a contratación de 132 traballadores co programa Vigo Emprega

Caballero informou da aprobación das bases e convocatoria de selección de 132 traballadores para a edición 2018 do Vigo Emprega, profesionais que farán desde construción de beirarrúas ata melloras en colexios, no refuxio municipal da Madroa e no acceso ao Vao, entre outras.

xoves, 14 dec 2017
O goberno local aprobou este xoves as bases e a convocatoria de selección de candidatos para o Vigo Emprega, que contratará a 132 profesionais de distintos perfís.

Abel Caballero deu conta dos principais asuntos abordados na Xunta de Goberno Local desta mañá, entre os que destacou a luz verde á convocatoria de selección de 132 traballadores, procedentes das listas do Servizo Público de Emprego. O Concello contratará capataces e peóns de construción, oficiais de xardinería, conductores, auxiliares administrativos, etcétera.

O alcalde detallou algunhas das obras que o Concello levará adiante en base ao Vigo Emprega, como a construción de beirarrúas nas rúas Portela e Casal, a rehabilitación de lavadeiros municipais, limpeza de camiños e maleza en viais e parques, acondicionamento dos baños dos colexios Illas Cies, Pintor Laxeiro, San Salvador de Teis e Ria de Vigo, reparacións no refuxio municipal da Madroa ou melloras no acceso á praia do Vao.

Virxe do Rocío
O goberno vigués tamén acordou a clasificación de ofertas -antiga adxudicación provisional- para a contratación das obras de cubrición do patio do colexio Virxe do Rocío, segundo informou o alcalde. O Concello reserva 275.000 euros para unha obra que presenta tres meses de prazo estimado de execución.

Caballero, que recordou que cubrir patios de colexio é competencia da Xunta de Galicia, engadiu que o Concello dispón doutros 335.000 euros para a mesma mellora no colexio Carballal e que está á espera do visto bo de Patrimonio para cubrir o patio do Canicouva. De cara ao orzamento municipal de 2018, o goberno de Vigo volveu incluir unha partida de 450.000 euros ao efecto.

Finca Solita
A Xunta de Goberno Local validou os proxectos básico e de execución para a recuperación da chamada Villa Solita, en Alcabre. Concello e Deputación faranse cargo da rehabilitación por un impote total de 319.000 euros, dos que o ente provincial achega 277.000 euros e o goberno vigués 42.000 euros. Abel Caballero trasladou o seu "recoñecemento" á Deputación.

A intervención na finca procura preservar o patrimonio da cidade, un edificio de estilo indiano que data de finais do século XIX e que funcionará como espazo de desenvolvemento cultural, museístico, teatral e turístico, segundo expuxo o alcalde.