Escoitar

"Entre árbores" inicia un novo programa de rutas guiadas

O próximo sábado, 22 de marzo, dará comezo unha nova campaña do programa "Entre árbores, paso a paso" organizado pola concellería de Medio Ambiente.

mércores, 19 mar 2003
1048081480arbores1.jpg
Saída de excursionistas
O programa ten como obxectivo principal a interpretación do patrimonio natural e etnográfico do municipio de Vigo por medio de rutas guiadas.

Os participantes poderán coñecer a diversidade do medio ambiente de Vigo, tanto as árbores e flores dos distintos tipos de masas forestais, e os animais e fungos que nelas viven, así coma o uso do espacio que elaborou o home, tanto na actualidade, como en tempos prehistóricos.

Durante os percorridos, de aproximadamente 10 km cada un, un grupo de especialistas realizarán unha interpretación do medio salientando os valores naturais, etnográficos e paisaxísticos cos que se terá contacto. Estes monitores porán a disposición dos camiñantes o material didáctico e de identificación necesario para o recoñecemento dos distintos elementos naturais.

A saída das visitas será ás 9:30 horas da praza das Travesas onde se collerá un bus urbano de liña regular que levará os participantes ó punto de comezo da ruta. O regreso, estimado ás 15:00 horas, terá tamén como parada final a praza das Travesas, seguindo as liñas de Vitrasa.

Nestas xornadas percorrerase o sendeiro panorámico, os itinerarios do Eifonso, Lagares e roteiros das Madroas.
Descargar todas as imaxes

Máis información