Escoitar

Expertos internacionais debaten sobre as relacións porto-cidade

Unha mesa redonda, aberta ao público, analizará o xoves ás 20:00 o impacto das mareas negras na vida das cidades no auditorio municipal.

mércores, 19 mar 2003
1048076329porto2.jpg
Zumárraga, De Acosta e Castanyer
O concelleiro Xaquín de Acosta explicou que, mediante este seminario, un grupo de expertos e representantes institucionais exporán as problemáticas existentes que permitan achegar máis luz ao traballo que queren realizar. Preténdense analizar os marcos xurídicos competenciais para o deseño de estratexias a finais de 2003 tendentes a fornecer futuros traballos e proxectos das cidades europeas pertencentes ao arco atlántico.

O técnico Juan Zumárraga afirmou que as cidades do arco atlántico, definido pola Unión Europea, decidiron unirse co fin de establecer políticas e redes de cidades para afrontar preocupacións comúns. As cidades que conforman o arco atlántico dispoñen do 80% da poboación da Unión Europea. "O espacio atlántico é unha área marxinal en fase anunciada de crecemento cara o Este coa incorporación de novos países, supeditada ás decisións tomadas no centro europeo que captarán o interese destas novas cidades", asegurou Zumárraga.

O avogado e especialista Jorge Castanyer presentou o estudio "O marco xurídico relacional entre cidades e portos" elaborado a partir de experiencias de cidades do arco atlántico.

Na sesión da mañá participaron tamén Fernando Palao, que expuso o relatorio "A planificación portuaria en España" e Olivier Lemaire que falou sobre "A relación porto-cidade en Francia". Celebrouse ademais un coloquio-debate sobre as ponencias.

Na sesión do xoves 20 de marzo analizaranse os riscos ambientais da cidade e os portos. Ás 20:00 celebrarase unha mesa redonda, aberta ao público, sobre o impacto das mareas negras na vida das cidades, na que participarán Lois Castrillo, alcalde de Vigo; Rafael Mouzo, alcalde de Corcubión; Jean Yves Montus, presidente do Comité departamental de turismo das Landas (suroeste de Francia) e Jacques Mangold, director xeral de Vigipol (Sindicato mixto de protección do litoral bretón, Francia).
Descargar todas as imaxes