Escoitar

Manel Fernández anima á cidadanía a participar na Carreira Solidaria pola Esclerose Múltiple este domingo en Bouzas

A quinta edición da Carreira Solidaria pola Esclerose Múltiple celebrarase este domingo en Bouzas (11:00 horas) e a súa novidade, unha andaina de 5 quilómetros, está a ter enorme aceptación. Así o anunciaron hoxe o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e o presidente de Avempo, Miguel Ángel Sánchez, en rolda de prensa xunto coa logopeda da asociación, Paula Alonso.

martes, 24 out 2017
1508849542esclerose.JPG
A proba, organizada por Avempo, a Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra, mantén o percorrido de anos anteriores e pechará as súas inscricións este mércores a medianoite (www.laptime.es).

"Estou seguro de que Vigo será moi solidario e participará nas carreiras e andaina ou acudirá a dar o apoio a esta proba", sostivo o edil de Deportes, que "pretende chamar a atención sobre esta enfermidade e poñer en valor a solidariedade do pobo vigués con esta causa", dixo Fernández.

Sánchez agradeceu o apoio municipal ("sempre nos axuda en todo o que pode", dixo) e lembrou que esta actividade "é unha forma de financiarnos para manter aberta a asociación; a Sanidade pouco nos axuda e en Vigo hai máis de 1.500 afectados por esta enfermidade; Avempo asiste a 70 diarios", explicou.

O circuíto dominical, con dúas opcións de 5K (5.050 metros) e 10K (10.100) irá dende a Alameda de Suárez Llanos (saída e meta) percorrendo Pescadores, Eduardo Cabello, Avenida Beiramar, Jacinto Benavente, Coruña e Tomás A. Alonso. A andaina dará unha volta ao circuíto.

"Levamos 850 inscritos e queremos chegar a 1.500", apuntou Alonso. A andaina xa conta con 330 anotados, mentres que as carreiras suman algo máis de medio milleiro.
Descargar todas as imaxes